Aumenta un 16 % o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

Medra tamén no primeiro trimestre do ano a porcentaxe de vítimas que se acolle ao dereito a non declarar

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados galegos recibiron no primeiro trimestre do ano 1574 denuncias por violencia de xénero, un 16,2 % máis que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaron 1355. A gran maioría das denuncias (1160) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Aumenta tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1139 nos tres primeiros meses do ano pasado, ás 1419 deste ano, o que supón un incremento do 24,6 %.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia medran así mesmo os casos de vítimas que se acollen a dispénsa a non declarar. Se nos tres primeiros meses de 2016 optaron por esta opción 42 mulleres, no primeiro trimestre deste ano fixérono 90, é dicir, o 6,3% das vítimas.

Galicia segue sendo unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10 000 mulleres) máis baixa do Estado, con 10,11 persoas, fronte ao 16,03 de media estatal. Durante o primeiro trimestre do ano solicitáronse 469 ordes de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 370 de 2016, o que supón un incremento do 26,8 %. Das 469 adoptáronse 356, o 76 por cento.

Os datos estatísticos están dispoñibles na páxina http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Violencia-sobre-la-Mujer/