Condenados a 14 anos de prisión os agresores do párroco de Santa Rita de Vigo

Deben compensar á vítima con máis de 429.000 euros polas súas secuelas e lesións, e con 9.500 euros máis anuais por gastos de rehabilitación. A irmá do párroco tamén recibirá unha indemnización fixada en 60.000 euros

Autor
Comunicación Poder Judicial

Condenados a 14 anos de prisión os agresores do párroco de Santa Rita de Vigo
A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 14 anos de prisión a cada un dos agresores do párroco de Santa Rita (Vigo) por un delito de roubo con violencia e outro de lesións agravadas. Ademais dos catro anos polo primeiro delito e dez polo segundo, prohíbeselles aproximarse á vítima, que arrastra importantes secuelas, por un período de oito anos unha vez cumprida a condena de maior duración e a indemnizala con máis de 429.000 euros polas súas secuelas e lesións, e con 9.500 euros máis anuais por gastos de rehabilitación. A irmá do párroco, que agora se encarga de coidalo, tamén recibirá unha indemnización fixada en 60.000 euros.

A sentenza recolle como feitos probados que na tarde do 8 de outubro de 2016 os dous condenados, guiados "por un ánimo de enriquecemento ilícito", entraron na igrexa de Santa Rita de Vigo co pretexto de solicitar unha confesión do párroco. Cando estaban no despacho do sacerdote, un dos homes agarroulno por detrás, mentres que o outro collía as chaves da caixa de caudais, onde se apoderou de 700 euros. Tamén se fixeron con xoias e o reloxo e as lentes da vítima. Dado que o párroco, octoxenario, se resistiu, os agresores o zarandearon e arroxárono ao chan, onde "lle propinaron varias patadas e golpes na cabeza".

Os golpes recibidos provocaron ao párroco un hematoma subdural agudo que lle causou múltiples secuelas, como a incapacidade de andar ou realizar actividades básicas para a vida, así como "alteración de funcións cerebrais superiores en grao moderado-grave", segundo recolle o fallo xudicial.