Catorce anos e once meses de prisión por un delito de intento de asasinato para un home que apuñalou á súa ex parella no pescozo en Vigo

Ademais debe indemnizala en máis de 384.000 euros polos días de hospitalización, polas secuelas e a incapacidade

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a 14 anos e 11 meses de prisión por un delito de asasinato en grao de tentativa a un home que apuñalou no pescozo á súa ex parella en Vigo.

Os feitos ocorreron a primeira hora da mañá do 12 de abril de 2015, cando a muller saía do seu domicilio para ir traballar. O tribunal considerou probado que o acusado levaba a cabeza, rostro e mans cubertos, e que abordou á súa ex parella co ánimo de acabar coa súa vida. Tras golpeala e apuñalala nun costado, arrastrouna ata un soto do edificio, onde a apuñalou no pescozo de forma tan violenta que o coitelo rompeu.

Na sentenza recóllese que o home se apoiou na parede tras acoitelar á vítima, e observouna durante uns minutos "impasible", mentres a muller se arrastraba tentando fuxir, pedindo auxilio e tratando de convencelo de que non o denunciaría se a axudaba.

Aínda que o agora condenado accedeu a trasladala ao hospital, a súa suposta disposición a axudala crebouse ao achegarse a Povisa (onde ambos traballaban), e abandonouna, no interior do coche, a uns 30 metros da entrada de Urxencias. A vítima logrou arrastrarse ata o centro sanitario, onde foi atendida das súas feridas.

Como consecuencia do ataque, a muller resultou gravemente ferida e tivo que ser intervida cirurxicamente en varias ocasións. Ademais da ferida do pescozo (que afectou á súa larinxe, lingua e carótida, entre outros órganos), tiña unha ferida por arma branca nun costado, e feridas defensivas nas mans. A agresión deixoulle tanto secuelas físicas como psicolóxicas.

Ademais da pena de prisión e as prohibicións de achegarse ou comunicarse coa vítima, debe indemnizala en máis de 384.000 euros polos días de hospitalización, polas secuelas e a incapacidade.