A Audiencia da Coruña condena un home por maltratar a súa parella a dez anos de cárcere

Tamén lle impuxo vinte e catro anos de prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima, así como da súa filla durante vinte anos, e 13 anos de privación do dereito á tenza e porte de armas

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dez anos de cárcere un home que maltratou física e psicoloxicamente a súa parella, a maioría das veces en presenza da filla que teñen en común. Tamén lle impuxo vinte e catro anos de prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima, así como da súa filla durante vinte anos, e 13 anos de privación do dereito á tenza e porte de armas. O tribunal considerouno culpable dun delito de malos tratos habituais, en concurso real cun delito de malos tratos sobre a muller, tres delitos de ameaza, dúas delas leves, dous delitos de malos tratos sobre a muller e dous delitos de coaccións, un deles leve.

Os maxistrados relatan que a relación se iniciou en outubro de 2006, cando a vítima tiña 16 anos, e a convivencia, que comezou en 2008 por mor de que a moza quedou embarazada, terminou en 2009. “Desde o inicio da convivencia o acusado desprega sobre a súa parella unha conduta de dominación e desprezo, con uso de expresións ofensivas, control da súa persoa e dos seus cartos, de forma constante e cotiá”, relata o tribunal na resolución, na que especifica que “a miúdo lle cuspía na cara, lle tapaba a boca co edredón para non escoitar o seu pranto, lle tiraba dos pelos, lle dicía cualificativos como ‘inútil’, ‘porca’ ou frases como ‘non vales para nada’, ademais de dirixirlle outras expresións que a molestaban e humillaban”.

Os maxistrados sinalan que a obrigaba a “espertalo todas as mañás, facerlle o almorzo, recoller a casa e fregar”. Os maxistrados aseguran que “ante calquera detalle lle chamaba ‘porca’, que lle rifaba cando a comida estaba eslamiada, e lle recalcaba que non servía para nada, que era unha inútil”. Na sentenza tamén consideran acreditado que a muller lle entregaba todos os cartos que lle daba o seu pai e que o acusado “decidía o seu destino”.

Os xuíces aseguran na sentenza que cando varios parentes da vítima tentaron comunicarse con ela para protexela, o procesado “despregou unha conduta ofensiva, humillante e cominatoria, especialmente co pai da muller, pero tamén cunha tía dela e cos amigos da familia”. Os xuíces detallan na resolución todos os feitos que o condenado levou a cabo “sempre coa finalidade de menoscabar a integridade psicofísica da que era a súa parella e denigrala como muller”.

O delito de malos tratos habituais, segundo salienta o tribunal, foi constatado “por todos os feitos puntuais acreditados, os informes periciais e o informe psicolóxico do equipo psicosocial”. Ademais, engade que as consecuencias “son notorias” e que pode concluírse “a existencia dunha marca psíquica relacionada cos feitos, con repercusións na vítima, tanto a nivel emocional como clínico, entre as que destacan: trastorno de tensión postraumática, baixa autoestima, depresión e ansiedade”. Os xuíces describen a relación como “tóxica” e sinalan que estaba caracterizada “polo control, o desasosego, a intranquilidade, a violencia permanente e a falta de igualdade, o básico que debe rexer e inspirar unha relación de parella”.