O TSXG condena ao Sergas a pagar 200.000 euros por diagnosticar de xordeira e operar a un neno que era autista

“Non pode xustificar o grave erro cometido do que derivaron tan graves consecuencias para o afectado”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Sergas a indemnizar con 200.000 euros a un menor que en 2002, cando tiña dous anos e medio, foi diagnosticado de “unha xordeira total e incurable” cando, en realidade, era autista. Os maxistrados, desta forma, estiman en parte o recurso de apelación interposto polo pai do menor contra a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense, que fixara a indemnización en 150.000 euros. “Atopámonos ante un claro suposto de erro de diagnóstico provocado por unha equivocada interpretación dos resultados da proba de potenciais auditivos no seu día practicada. En definitiva, non se descartaron, como era obrigado, outras patoloxías mediante probas complementarias de tipo psicolóxico, neurolóxico ou audiométrico”, salienta o tribunal.

Baseándose en informes médicos privados, “sen esgotar os medios de diagnóstico e na crenza de que os emitidos privadamente eran acertados”, o Sergas decidiu colocar un implante nun dos seus oídos. Ao menor practicáronselle dúas intervencións, en decembro de 2004 e en febreiro de 2005, no Complexo Hospitalario de Vigo, efectuándoselle o baleirado dun dos oídos para, posteriormente, colocarlle o implante. A finais de 2006, unha profesora comezou a sospeitar que non era xordo, ante o que o Sergas decidiu remitir ao neno a un centro especializado de Barcelona, onde determinaron que era autista. Os maxistrados indican na sentenza que a audición no oído non baleirado era completa, non así no outro, pois o implante provocara a súa perda definitiva.

“Non se discute nin a dilixencia no tempo da asistencia nin a tecnoloxía aplicada; o que está en valor é o manifesto erro de diagnóstico respecto da doenza que presentaba o menor”, argumenta o TSXG, á vez que destaca que o feito de que a sintomatoloxía inicial fixese dubidar entre unha e outra posibilidade “non pode xustificar o grave erro cometido do que derivaron tan graves consecuencias para o afectado”.

O tribunal resalta que neste caso “non nos achamos ante unha perda de oportunidade, senón ante uns sucesivos e crasos erros médicos determinantes dunha infracción da lex artis, tendo en conta que as actuacións médicas non privaron ao paciente de determinadas expectativas de curación, senón que, pola contra, tales actuacións foron as que provocaron o resultado lesivo, sen as que este nunca se tería producido”.

A sala difire do xuíz de primeira instancia á hora de establecer a contía da indemnización, que estima “insuficiente”. Así, explica no fallo que o menor foi sometido a dúas intervencións cirúrxicas, “co sufrimento que iso comporta, tempo de hospitalización, inadaptación ao implante e, en definitiva, perda da audición dun oído san polo seu baleirado”. Ademais, insiste en que “tal agresivo proceso médico era superfluo ao non padecer o neno a doenza que, erroneamente, lle diagnosticaran”. O TSXG considera que, ao tratarse dun suposto de mala praxe médico-asistencial, é “obvio” que a indemnización debe tender “á integra reparación do dano padecido”.