O Xulgado decreta a apertura de xuízo contra o salesiano de Vigo acusado de abusar de seis menores

A Fiscalía solicita para o sospeitoso 67 anos e medio de cárcere, mentres que a acusación particular exercida pola Fundación Amigos de Galicia reclama 30 anos de prisión

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 4 de Cambados decretou a apertura de xuízo oral e deu por formulada a acusación por delitos de abusos sexuais contra un sacerdote que exercía como profesor de relixión no Colexio Salesianos de Vigo, así como contra o centro, como responsable civil subsidiario. A instrutora entende que existen indicios de que o sospeitoso cometeu doce delitos de abusos sexuais, un deles continuado, sobre seis menores de dezaseis anos. Ademais, require ao acusado e, no seu caso, ao colexio, que preste 160.000 euros de fianza para asegurar as responsabilidades pecuniarias que lles puidesen impoñer, co apercibimento de que, de non prestala, lles embargaráns bens en cantidade suficiente para asegurar a suma sinalada.

A Fiscalía solicita para o sospeitoso 67 anos e medio de cárcere, mentres que a acusación particular exercida pola Fundación Amigos de Galicia reclama 30 anos de prisión. Pola súa banda, os familiares de tres menores afectados, que exercen unha acusación particular, demandan unha condena de 54 anos de prisión en relación aos feitos sucedidos respecto a esas tres vítimas. No caso hai outras dúas acusacións particulares exercidas polas familias de dous menores. Cada unha delas pide cinco anos de prisión polos abusos presuntamente cometidos en relación aos seus representados.

Na resolución, contra a que non cabe presentar recurso, a instrutora indica que, unha vez aberto o xuízo oral, se emprazará ao sospeitoso para que no prazo de tres días compareza na causa con avogado e procurador. Cumprido ese trámite, darase traslado das actuacións ao sacerdote e ao colexio Salesianos dos escritos de acusación para que, no prazo de dez días, presenten escrito de defensa. O órgano encargado de axuizar os feitos é a Audiencia Provincial de Pontevedra.