O Xulgado declara en concurso voluntario de acredores a Hijos de J. Barreras e autoriza a venda directa da unidade produtiva

A maxistrada decreta que se avalíen as tres ofertas recibidas en fase preconcursal “por ser de indubidable interese para os traballadores, os acredores e para a propia viabilidade e continuidade da actividade empresarial e industrial” da firma

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, declarou en situación legal de concurso voluntario de acredores á entidade Hijos de J. Barreras S.A.U. A empresa, segundo decretou a maxistrada no auto, conservará as facultades de administración e disposición do seu patrimonio, aínda que quedará sometida, no exercicio desas facultades, á intervención da administración concursal, mediante a súa autorización ou conformidade. A xuíza nomeou administrador concursal único a Tahice Legal S.L.P. e, ademais, ordenou que se abra unha peza separada para a tramitación da venda directa da unidade produtiva da empresa. 

Na resolución, contra a que cabe presentar recurso, a xuíza destaca que, actualmente, a compañía se atopa en situación de insolvencia. No auto, sinala que a memoria presentada por Hijos de J. Barreras S.A.U. vincula a súa crise de liquidez coa "diminución da actividade comercial e as consecuentes perdas acumuladas”. Ademais, asegura que a perspectiva dun sobresemento xeneralizado das obrigacións que lle son esixibles á mercantil está “claramente anticipada polo desequilibrio contable entre o pasivo esixible a curto prazo e o activo circulante”. 

A maxistrada estimou procedente a tramitación da transmisión da unidade produtiva (UPA) da concursada tras analizar o informe do proceso de venda achegado coa solicitude de concurso, así como “os mecanismos e operacións de divulgación da oferta da UPA levada a cabo en fase preconcursal, con designación de expertos, na que se seguiu un proceso de oferta a terceiros interesados baixo os principios de transparencia, publicidade e concorrencia”. Por iso, a titular do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra determinou anticipar o proceso de venda da UPA da concursada á fase común do procedemento concursal, “por ser de indubidable interese para os traballadores, os acredores e para a propia viabilidade e continuidade da actividade empresarial e industrial despregada ata a data pola concursada”. E, ademais, sinala que, desta forma, se "axiliza e anticipa a transacción, que xustifica non acudir aos medios ordinarios de venda concursal, senón a súa tramitación a través dun proceso de venda directa coa avaliación das tres ofertas en firme recibidas en fase preconcursal, que se atopan detalladas na documental achegada pola concursada coa súa solicitude de concurso”. 

“A inadmisión, nesta fase do procedemento concursal, da pretensión da concursada e, por iso, da tramitación do proceso de venda directa da UPA, implicaría a posta en marcha de instrumentos que non constituirían un mecanismo o suficientemente áxil como para salvar esta unidade produtiva, que se revela como especialmente sensible á situación concursal, tomando en consideración as concesións administrativas vixentes”, subliña a maxistrada no auto, no que decreta que se incoe unha peza separada para a tramitación da transmisión da UPA da empresa.