O TSXG decreta que a Xunta non excedeu o número máximo de lotes de transporte escolar que a lei lle permite adxudicar ao Grupo Monbús

Os maxistrados rexeitaron o recurso presentado por nove compañías de transporte contra a adxudicación do lote 50, que forma parte dos 57 lotes licitados pola Xunta para a realización de roteiros de transporte escolar a 424 centros de ensino público de Galicia

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou a adxudicación a unha Unión Temporal de Empresas (UTE), por parte da Xunta, do lote 50 do contrato de transporte escolar de centros públicos dependentes da Consellería de Educación, a pesar de que a porcentaxe de participación de empresas do Grupo Monbús na UTE é do 63 %. Os maxistrados do alto tribunal galego, polo tanto, rexeitaron o recurso presentado por nove compañías de transporte contra a adxudicación do lote 50, que forma parte dos 57 lotes licitados pola Xunta para a realización de roteiros de transporte escolar a 424 centros de ensino público de Galicia.

O TSXG rexeita o argumento das empresas recorrentes e conclúe que o Grupo Monbús non superou o límite imposto no artigo 99.4.b) da Lei de Contratos do Sector Público (LCSP) e na cláusula 8.2 do Prego de Cláusulas Administrativas Particulares (PCAP), que acoutan o número de lotes que poden adxudicarse a cada licitador. En concreto, o prego establecía un máximo de adxudicación a unha mesma licitadora de oito lotes.

A pesar de que en resolucións anteriores o alto tribunal galego si entendeu que Monbús excedera ese número, na sentenza explica que, tras analizar a proba dispoñible, os lotes adxudicados a UTES conformadas maioritariamente polo Grupo Monbús, é dicir, nos que participa en máis do 50 %, foron unicamente seis, en concreto, os números 11, 32, 45, 57, 50 e 51, polo que non superou o límite de oito. E iso é así, segundo indica o TSXG, porque o artigo 8.2 do Prego de Cláusulas Administrativas Particulares establece que non poden computarse para a suma total os lotes nos que as UTES participadas polo Grupo Monbús foran as únicas que optaron a eles. Este é o caso dos lotes número 6, 13, 14, 24 e 2. Polo tanto, eses cinco lotes non poden sumarse aos seis nos que o Grupo Monbús participa en máis do 50 %, como tampouco pode sumarse o lote adxudicado número 4, no que ese grupo de empresas non ten participación.

 “Os datos aquí expostos evidencian que o número de lotes nos que as UTES onde o Grupo Monbús é maioritario son unicamente seis, entre elas o lote 50, obxecto de impugnación neste procedemento”, sinala o TSXG na sentenza. Polo tanto, conclúe que, ao ser este número de adxudicacións en concorrencia con outras empresas inferior a oito, non se pode reputar superado o máximo previsto no art. 8.2. PCAP nin infrinxido o precepto da LCSP do que se deriva. En consecuencia, a diferenza do resolto nos procedementos anteriores, tendo en conta a valoración da proba existente nos autos, o motivo de impugnación foi rexeitado.