O TSXG condena a un sentenciado por malos tratos a indemnizar con 5.000 euros a súa exmuller

Tal e como consta na sentenza da Audiencia, que "maltratou e humillou física e psicoloxicamente" á súa exmuller durante os 21 anos que conviviron

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) modificou, só en canto á responsabilidade civil, a sentenza da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense que condena a un home a dous anos de cárcere e a cinco anos de afastamento da súa exmuller e das súas dúas fillas por cometer un delito de malos tratos habituais. Os maxistrados revogaron o fallo e impuxeron ao condenado o abono de 5.000 euros á súa exmuller polos danos morais que lle causou.

O alto tribunal galego rexeitou o recurso presentado polo procesado, pois considera acreditado, tal e como consta na sentenza da Audiencia, que "maltratou e humillou física e psicoloxicamente" á súa exmuller durante os 21 anos que conviviron. O TSXG tampouco estimou o recurso interposto pola denunciante no tocante á pena, quen solicitaba que o seu exmarido fose condenado a maiores a tres anos de cárcere por cometer un delito de violación de morada, en concurso cun de incendio.

A Sala do Civil e Penal desestimou a súa petición e confirmou o fallo da Audiencia, que explica que carece de probas para castigar ao sospeitoso polo incendio que se orixinou en casa da súa exmuller e das súas fillas en 2016. A sentenza argumenta que hai testemuñas que o sitúan lonxe do lugar dos feitos á hora na que se orixinaron as chamas.