O Xulgado conclúe que hai indicios de malversación na xestión de fondos de Democracia Ourensana

A xuíza, desta forma, acolleu o recurso contra o arquivo provisional do caso interposto polo exvicepresidente da formación política e un exasesor

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 3 de Ourense decretou que se deixe sen efecto o sobresemento da causa sobre as presuntas irregularidades na xestión dos fondos da formación política Democracia Ourensana en relación cos feitos que puidesen ser constitutivos dun delito de malversación do artigo 432 do Código penal e concordantes. A xuíza, desta forma, acolleu o recurso contra o arquivo provisional do caso interposto polo exvicepresidente da formación política e un exasesor. 

Por iso, acordou que, ao marxe da continuación da investigación xudicial, se remita ao Tribunal de Contas copia da denuncia e das declaracións practicadas durante a instrución, así como da proba documental relacionada coas doazóns efectuadas por asesores e edís a Democracia Ourensana. Ademais, a xuíza ordenou que se solicite un informe relacionado coa fiscalización da actividade económico-financeira do partido entre o 3 de febreiro de 2016 e o 31 de decembro de 2020 e que se examine “a suxeición ao principio de legalidade” das doazóns efectuadas a Democracia Ourensana. 

No auto, contra o que cabe presentar recurso de apelación, a instrutora considera que hai indicios “racionais” da posible comisión dun delito de malversación. Así, destaca as declaracións das testemuñas que relatan “a observación nas contas de saídas de cartos con destino a contas persoais do alcalde de Ourense e a contratación dunha persoa para a realización das mesmas funcións para o Concello, a Deputación e Jolper”. Ademais, destaca “a confusión de patrimonios que resulta da declaración dun exasesor e os requirimentos do Tribunal de Contas, así como da declaración doutro exasesor, que asegura que o alcalde lle dixo que había unha débeda de Auria Televisión de 60.000 euros”. A todo iso, segundo a xuíza, “engádese que das contas non resulta a xustificación dos múltiples pagos efectuados por canto contablemente fanse constar cantidades cuxa existencia non consta”.