A Sala do Social do TSXG resolve en xullo case mil casos sobre complemento de maternidade para facer fronte á avalancha deste tipo de procedementos

Durante os sete primeiros meses de 2022 recibiu 2.368 recursos sobre esta cuestión e concluíu a maior parte. Para finalizar algúns procedementos decidiu esperar a que se pronuncie o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a cuestión prexudicial que lle expuxo en febreiro

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Coruña, 3 de agosto de 2022.- 

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recibiu este ano, entre xaneiro e xullo, 2.368 recursos sobre o complemento de maternidade. Para facer fronte a esta avalancha, os maxistrados e maxistradas da Sala ditaron en xullo 941 sentenzas, máis do dobre do que é habitual. Cada un dos 16 membros que a compoñen finalizou 56 procedementos deste tipo, mentres que cada un dos tres maxistrados que está en comisión de servizo concluíu 15. En todas as resolucións estimaron que os recorrentes teñen dereito a percibir o plus de maternidade desde que se lles recoñeceu a prestación de xubilación ou de incapacidade, sempre que sexa posterior ao 1 de xaneiro de 2016, tal e como estableceu o Tribunal Supremo. Na Sala do Social iniciáronse o ano pasado un total de 6.758 procedementos, o que supuxo un incremento interanual do 40 %, o cal foi debido, principalmente, aos recursos interpostos polo complemento de maternidade.

Grazas ao esforzo de todos os xuíces e xuízas, así como das tres letradas da Administración de Xustiza e do persoal funcionario, a finais de xullo a Sala do Social do TSXG resolvera a maioría dos casos sobre complemento de maternidade, excepto aqueles sobre os que emitiu autos de suspensión porque para finalizalos esperará a que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) se pronuncie sobre a cuestión prexudicial que lle expuxo en febreiro.

Nela, os maxistrados e maxistradas do TSXG solicitáronlle que indique se o criterio do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) de denegar sempre o complemento aos homes e obrigalos a reclamar en vía xudicial supón un incumprimento administrativo, que, en si mesmo, constituiría unha discriminación por razón de sexo, en lugar dun incumprimento normativo, tal e como defende o INSS. En función desta resposta, a Sala tamén solicitou que o TXUE ditamine se procede indemnizar aos afectados polos danos e prexuízos causados. 

O TSXG expuxo a cuestión prexudicial tras recibir o recurso dun pai de dous fillos, quen ten recoñecida por sentenza, desde outubro de 2019, unha prestación de incapacidade permanente absoluta. En novembro de 2020 solicitou ao INSS o complemento de maternidade, consistente no incremento dun 5 % da prestación, o cal lle foi denegado. Por iso, recorreu á vía xudicial. O Xulgado do Social número 2 de Vigo, en primeira instancia, entendeu que se produciu un incumprimento estritamente normativo, polo que lle concedeu a prestación desde a data da súa solicitude, cunha retroacción de tres meses, que é o que establece a Lei Xeral da Seguridade Social para estes casos. O afectado, con todo, recorreu ante o TSXG esa decisión ao entender que lle deben conceder o complemento de maternidade desde a data na que lle outorgaron a prestación -outubro de 2019- debido a que sufriu, segundo o seu recurso, unha discriminación por razón de sexo.