O xulgado de garda de Ribeira arquiva dous casos de desobediencia por incumprir o confinamento

En ningún dos casos, segundo a instrutora, os axentes probaron que lles requirisen aos sospeitosos de forma persoal que abandonasen a vía pública

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 2 de Ribeira, en funcións de garda, decretou o sobresemento provisional e arquivo de dúas actuacións iniciadas pola posible comisión de delitos de desobediencia. En ningún dos casos, segundo a instrutora, os axentes probaron que lles requirisen aos sospeitosos de forma persoal que abandonasen a vía pública, en cumprimento do confinamento derivado do estado de alarma. Polo tanto, non existe a desobediencia do mandato que esixe o reproche penal. Un deles, segundo o auto, foi proposto para sanción administrativa por incumprimento das restricións á liberdade de circulación os días 19, en dúas ocasións, o 21 e o 22 de marzo. 

O outro acusado foi tamén proposto para multa os días 19, 20, en tres ocasións, e 21 de marzo. En ambos os casos o Ministerio Fiscal solicitou o sobresemento. A xuíza resalta que as dilixencias da Garda Civil non acreditaron de forma suficiente que os sospeitosos mostrasen “unha reiterada e manifesta oposición ao cumprimento da orde lexítima, emanada da autoridade e os seus axentes, nin tampouco unha grave actitude de rebeldía ou unha contumaz negativa a cumprir a orde”. Nestes casos, os incumprimentos do confinamento, segundo a instrutora, “poderían chegar a merecer reproche administrativo, aínda que non se acreditou unha desobediencia de carácter grave tal e como esixe o reproche penal”. 

O Xulgado de Instrucción número 2 de Ribeira, en funcións de garda, condenou onte ao pagamento dunha multa de 240 euros, como autora dun delito de desobediencia, a unha muller que recoñeceu saír á vía pública na Pobra do Caramiñal sen xustificación en sete ocasións. En concreto, os días 16, 17, 20, 21, 22, 24 e 29 de abril. A xuíza tivo en conta á hora de ditar a pena, coa que a acusada se mostrou conforme, a agravante de reincidencia, pois xa fora condenada por feitos similares en dúas ocasións, e a atenuante analóxica de drogadicción. Contra a sentenza non cabe presentar recurso porque foi ditada baixo a conformidade de todas as partes implicadas no procedemento.