Un xulgado de Ourense considera apto na proba de atletismo a un candidato a Policía Local porque o Concello non especificou as centésimas

A resolución indica que as bases das oposicións publicadas no Boletín Oficial da Provincia establecían que o límite máximo para efectuar a proba de 1.000 metros era de 3 minutos e 30 segundos, “sen referencia ningunha a centésimas”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Ourense acolleu o recurso interposto por un aspirante a Policía Local contra a súa exclusión no exame físico nas oposicións correspondente á Oferta Pública de Emprego de 2013. O xuíz anulou a resolución e recoñeceu o dereito do recorrente a ser declarado apto na proba de resistencia de 1.000 metros, polo que condenou o Concello de Ourense a que lle realice as probas restantes “en idénticas condicións nas que llas realizou aos demais aspirantes, cos efectos que isto teña como, no seu caso, a súa inclusión na relación de aspirantes que superaron o procedemento selectivo e, por tanto, a ser nomeado funcionario en prácticas”.

A resolución indica que as bases das oposicións publicadas no Boletín Oficial da Provincia establecían que o límite máximo para efectuar a proba de 1.000 metros era de 3 minutos e 30 segundos, “sen referencia ningunha a centésimas”. O candidato percorreu a distancia en 3 minutos, 30 segundos e 40 centésimas, polo que, segundo conclúe o xuíz, debeu ser declarado apto.

A Administración alegou que é misión do Tribunal Cualificador interpretar as bases e, neste caso, considerou que superara o tempo máximo permitido en 40 centésimas. O xuíz, con todo, apunta que era facultade da Administración establecer “unha maior precisión”, pero optou “por limitar o tempo que se debe comprobar a minutos e segundos, de forma que no momento no que o actor cruzou a meta o reloxo marcaba 3 minutos e 30 segundos e, por iso, estaba dentro do límite máximo permitido, o cal non fora sobrepasado”.