Dezaseis anos de prisión por un delito de homicidio e outro de roubo para o autor do crime de Valga (Pontevedra)

Tiveron en conta a agravante de reincidencia e a atenuante de drogadicción

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia de Pontevedra condena a catorce anos de prisión por un delito de homicidio, concorrendo a circunstancia agravante de abuso de superioridade, ao home acusado de acabar coa vida dun veciño de 92 anos no municipio de Valga (Pontevedra). Os maxistrados da Sección Segunda impóñenlle tamén dous anos de prisión por un delito de roubo con violencia en casa habitada en grao de tentativa. Á hora de fixar a pena por este segundo delito tiveron en conta a agravante de reincidencia e a atenuante de drogadicción.

A Sala considera probado que o procesado accedeu á vivenda da vítima coa intención de roubar, pois sabía que adoitaba ter diñeiro en casa, e ao atoparse co dono propinoulle fortes golpes na cabeza coa intención de menoscabar a súa integridade física e, a continuación, co ánimo de acabar coa súa vida, estrangulouno, producíndolle a morte por asfixia. Apunta a sentenza que “coa finalidade de eliminar calquera pegada ou indicio da autoría dos feitos”, o acusado arroxou o contido dunha garrafa de gasolina sobre o corpo do falecido, para posteriormente prenderlle lume.