A Audiencia de Lugo condena a unha exparella a pagar catro millóns de euros tras unha condena por branqueo de capitais

Os acusados canalizaba os ingresos obtidos a través dun armazón empresarial, formado por diversas sociedades

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condena a dúas persoas, matrimonio no momento dos feitos, por un delito de branqueo de capitais. O tribunal fixa para el dous anos e medio de prisión e multa de tres millóns de euros. Para ela, dous anos de prisión, e un millón de euros de multa. Impón tamén a cada un deles a pena de inhabilitación para o exercicio de industria ou comercio por un período de tres anos.

A resolución considera probado que o acusado "participou na venda de minutos de telefonía a terceiros por medio de empresas que canalizaban as chamadas a través dos equipos denominados SIMBOX, así como outras actividades ilícitas relacionadas con fraude fiscal, de IVE e delito de contrabando relacionado coa exportación de teléfonos liberados, aos que previamente se retiraban as tarxetas que se utilizaban nos equipos denominados SIMBOX".

A Sala chegou ao convencemento de que os acusados canalizaba os ingresos así obtidos a través dun armazón empresarial, formado por diversas sociedades, algunhas preexistentes ao presunto delito previo e outras creadas ad hoc para tal fin, así como a través do propio patrimonio de ambos cónxuxes.