A Audiencia acorda que o asasino de Diana Quer cumpra un mínimo de 18 anos de cárcere para poder solicitar o terceiro grao

Decreta que a condena por abordar a unha moza en Boiro coa intención de agredila sexualmente se acumule á de prisión permanente revisable

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña estableceu que o máximo da pena a cumprir polo condenado polo asasinato de Diana Quer e por abordar a unha moza en Boiro coa intención de agredila sexualmente sexa o de prisión permanente revisable. Ademais, fixou en 18 anos o tempo mínimo de condena que debe cumprir J.E.A.G. para acceder ao terceiro grao, mentres que estableceu un prazo de 25 anos para que poida solicitar a revisión da condena e pedir unha posible liberdade.

A Audiencia acordou que a condena de cinco anos de cárcere imposta a J.E.A.G. polos feitos sucedidos en Boiro en decembro de 2017 se acumule á pena de catro anos de cárcere e de prisión permanente revisable á que tamén foi condenado polo asasinato de Diana Quer. Debido á unión das penas destas dúas sentenzas ditadas pola sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, a efectos de acceso ao terceiro grao ou de solicitar unha revisión da condena, compútanse os prazos coma se só fose sentenciado a unha única pena de prisión permanente revisable.

No auto, o maxistrado presidente da sección sexta indica que non lle corresponde pronunciarse sobre o cumprimento dunha pena de dous anos e medio de prisión interposta a J.E.A.G. pola sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña por uns feitos sucedidos en 2007. No auto explica que, ao ser estes feitos cometidos antes de abordar á moza de Boiro, a condena non pode ser acumulada á de prisión permanente revisable. Sobre o cumprimento desta pena deberá decidir Institucións Penitenciarias.