O Xulgado ratifica as restricións ao dereito de reunión establecidas pola Xunta en Pontevedra

O xuíz destaca que o ratio de contaxios no termo municipal de Pontevedra “estase incrementando en progresión xeométrica, atopándose xa en fase de transmisión comunitaria”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Pontevedra ratificou nun auto notificado hoxe as medidas temporais restritivas do dereito de reunión establecidas para o termo municipal de Pontevedra no apartado segundo da orde da Consellería de Sanidade do 9 de setembro. A Xunta, a través desa orde, estableceu determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 no Concello de Pontevedra.

O xuíz que asina o auto asegura que a medida restritiva obxecto de ratificación, que é o límite do dereito de reunión a un máximo de dez persoas, con determinadas excepcións, “se constata proporcionada para afrontar o grave problema sanitario sobrevido”.

“Responde a unha necesidade manifesta e urxente: evitar o colapso dos servizos sanitarios da cidade de Pontevedra, que se produciría polo contaxio masivo da Covid-19 na súa poboación”, salienta o maxistrado no auto, á vez que indica que esta medida é “idéntica ás xa adoptadas pola Consellería de Sanidade para outras cidades nas que se manifestou unha situación semellante e que xa foron ratificadas xudicialmente”.

Ademais, resalta que resulta “menos gravosa para os afectados que as medidas de confinamento e limitacións de circulación que se estableceron na fase anterior da pandemia”.

O xuíz destaca que o ratio de contaxios no termo municipal de Pontevedra “estase incrementando en progresión xeométrica, atopándose xa en fase de transmisión comunitaria”. A restrición, segundo sinala o maxistrado, pretende “evitar as aglomeracións de persoas, nas que se produce unha maior probabilidade de contaxio do virus”. Ademais, lembra que esta medida restritiva ten “un límite temporal e unha concreción xeográfica”.