A Audiencia pregunta ao Tribunal da UE sobre a retroactividade na devolución da cláusula chan

A Sala solicita ao Tribunal que se siga a tramitación desta cuestión polo procedemento acelerado “debido ao elevado número de consumidores afectados”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, decidiu expor unha cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea relativa ao período de retroactividade da devolución das cantidades cobradas polas entidades bancarias como consecuencia da aplicación das cláusulas chan. A Sala solicita ao Tribunal que se siga a tramitación desta cuestión polo procedemento acelerado “tendo en conta o elevado número de consumidores afectados”.

O auto explica que o tribunal debe resolver sobre o carácter retroactivo da nulidade dunha cláusula (considerada abusiva por falta de transparencia) inserida nun contrato de préstamo hipotecario celebrado cun consumidor. “A consecuencia de afirmar o devandito efecto retroactivo pleno é a obrigación da entidade bancaria prestamista de devolver todas as cantidades que indebidamente percibiu pola aplicación da cláusula declarada nula desde a celebración do contrato de préstamo”, afirman os maxistrados, que albergan dúbidas sobre a correcta interpretación do Dereito da Unión que afecta a estas situacións.

“Dado o principio de non vinculación dunha cláusula nula por abusiva”, indican, a dúbida que se expón “é se os artigos 6 e 7 da Directiva 93/13/CEE, do Consello, do 5 de abril de 1993, sobre cláusulas abusivas en contratos celebrados con consumidores, poden interpretarse no sentido de que permiten ao xuíz nacional limitar os efectos retroactivos da nulidade e se lle permiten declarar que a cláusula nula por abusiva inserida no contrato cun consumidor produce os seus efectos ata unha determinada data posterior á celebración do contrato”.

A Audiencia expón esta cuestión no marco dun recurso de apelación que ten pendente de resolver con respecto a unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia nº4 de Santiago que condenou á entidade bancaria a devolver as cantidades indebidamente percibidas en virtude da devandita cláusula desde a data do contrato.