O TSXG denega a medida cautelarísima solicitada polos hostaleiros coruñeses fronte ás limitacións impostas por Sanidade para frear a evolución do coronavirus

A Asociación de Hostalería pedía que se suspendese a aplicación das disposicións que ordenan o peche dos locais de lecer nocturno e que fixan como hora máxima de peche dos establecementos de hostalería e restauración as 00:30 horas

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña en relación ás limitacións impostas pola Consellería de Sanidade o 7 de agosto para frear a evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na comarca.

Os hostaleiros pedían ao TSXG que se suspendese a aplicación das disposicións que ordenan o peche dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, e que fixan como hora máxima de peche dos establecementos de hostalería e restauración as 00:30 horas.

A Sala do contencioso-administrativo sostén no auto notificado hoxe que non se pode compartir a alegación efectuada pola asociación de que a orde obxecto de recurso non dedica ningún parágrafo para expoñer, tan sequera minimamente, a concreta necesidade sanitaria das medidas que combate, pois “a súa lectura permite comprobar que detrás de todas as medidas que establece, incluídas as que agora son obxecto de impugnación, subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento, e en definitiva, de protexer a saúde pública fronte aos brotes e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención”.

A resolución sostén que “basta botar una ollada ás noticias das que se fan eco os medios de comunicación para coñecer a preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medias cuestionadas, afectando de forma predominante á mocidade, que é o grupo poboacional que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafeterías, restaurantes e bares a partir das 00:30”. Destacan tamén os maxistrados que as medidas adoptadas veñen avaladas por informes de autoridades sanitarias e dun comité científico.

Entende a sala que tras a solicitude da medida cautelarísima está o interese dos empresarios do sector da hostalería de atallar e evitar os prexuízos económicos que a súa execución está a causar, pero conclúen que “a natureza dos intereses en conflito, e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública, impiden adoptar a medida interesada”.

Dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se dea traslado do recurso á parte demandada, e “co obxecto de non furtar á Administración a posibilidade de facer alegacións, e de atender á petición subsidiaria efectuada pola parte actora”, a Sala acorda que se continúe a tramitación deste recurso como unha peza ordinaria de medidas cautelares.