Os órganos xudiciais galegos recibiron en 2023 case un 5 % máis de casos que en 2022

Entre xaneiro e decembro ingresaron 348.853 procedementos; resolveron 318.860; e deixaron en trámite 196.211. A xurisdición civil foi a que rexistrou un maior incremento no ingreso de asuntos -un 7,6 %-. A taxa de litixiosidade en Galicia situouse en 129,2 casos por cada 1.000 habitantes, por baixo da estatal (145,7)

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os órganos xudiciais galegos rexistraron o ano pasado 348.853 novos asuntos, o que supuxo un aumento do 4,7 % con respecto a 2022. A pesar dese incremento, mantiveron a súa capacidade de resolución, pois finalizaron 318.860 procedementos (1.185 de media por órgano xudicial), practicamente os mesmos que en 2022 -en concreto, un 0,6 % menos-. 

A taxa de litixiosidade na comunidade, é dicir, o número de casos por cada 1.000 habitantes, foi de 129,2, por baixo da do Estado, que se situou en 145,7. A 31 de decembro de 2023, os xulgados e tribunais de Galicia tiñan 196.211 asuntos en trámite, un 17,4 % máis que na mesma data de 2022, segundo o informe feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). 

Datos por xurisdicións 

O estudo sobre a situación dos órganos xudiciais en 2023 revela que o ingreso de procedementos, en comparación co ano anterior, aumentou en todas as xurisdicións: na civil, un 7,6 %; na penal, un 1,9 %; na contencioso-administrativa, un 2,8 %; e, na social, un 4,1 %.  

Na xurisdición civil, o número de novos casos recibidos en Galicia ascendeu a 162.799. Entre xaneiro e decembro finalizáronse 144.259 asuntos, un 2 % máis que en 2022, quedando en trámite ao final do período 109.420, o que supuxo unha subida do 19,7 %. 

Na xurisdición penal entraron 142.173 procedementos (987,31 de media por órgano xudicial). O número de casos resoltos en 2023 ascendeu a 133.215 (un 1,7 % menos); e o de asuntos en trámite ao final do período, a 51.548, un 21,2 % máis que o ano anterior. 

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 9.198 entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de decembro. Durante ese período concluíron 8.903 asuntos, un 3,4 % menos, e quedaron abertos 7.519, un 5 % máis que en 2022. Por último, na xurisdición social presentáronse 34.683 novos asuntos (un 4,1 % máis); finalizáronse 32.483, un 6 % menos; e quedaron en trámite ao final de ano 27.724, un 6,3 % máis. 

Todos os datos estatísticos pódense consultar na ligazón: 

https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Informes-por-territorios-sobre-la-actividad-de-los-organos-judiciales/