A Audiencia de Pontevedra declara nulas por primeira vez dúas cláusulas hipotecarias que considera abusivas

Trátase do cálculo dos xuros tomando como base da liquidación o ano comercial de 360 días e a prohibición ao cliente de hipotecar, gravar, vender ou arrendar o inmoble sen o consentimento do prestamista

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección Primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra declarou por primeira vez abusivas dúas cláusulas incluídas nun préstamo hipotecario. En relación coa primeira das cláusulas cuestionadas, relativa ao cálculo dos xuros tomando como base da liquidación o ano comercial de 360 días, a Sala entende que tal estipulación carece de xustificación. “Que no momento da liquidación do saldo poida tomarse como base o ano comercial de 360 días e se utilice en cambio o mes natural para o cálculo da devindicación de xuros, 31 ou 30 días, constitúe unha práctica que xera un desequilibrio importante e inxustificado nos dereitos e obrigas das partes que prexudica sempre á mesma”, neste caso o consumidor, conclúen os maxistrados.

A sentenza, da que foi relator o maxistrado Francisco Javier Menéndez Estébanez, sostén que o cálculo dos xuros coa utilización do criterio do ano comercial é unha cláusula abusiva e, polo tanto, nula, “xa que non se pode dicir que supere o control de transparencia, dado que non consta en modo ningún que o apelante fose informado adecuadamente das consecuencias económicas negativas que ten exclusivamente para el a aplicación da devandita cláusula”.

Con respecto á segunda cuestión que se estudou no recurso de apelación, cuestiónase nela a prohibición ao cliente de hipotecar, gravar, vender ou arrendar o inmoble sen o consentimento do prestamista. Para os maxistrados, “esa prohibición ou limitación a calquera negocio que implique a transmisión da posesión, incluíndo agora tamén o arrendamento en calquera circunstancia, así como a facultade de hipotecar, gravar ou allear, é tan xenérica e absoluta, e implica unha redución tan relevante das facultades que integran o dominio que provoca, en beneficio exclusivo da prestamista e en prexuízo exclusivo do prestatario, un claro desequilibrio nos dereitos”. A Sala tamén declara nula esta cláusula ao entender que o consumidor “ve limitadas as facultades fundamentais do seu dereito de propiedade, que ademais lle impide practicamente calquera explotación económica desta durante, nada máis e nada menos, que case 38 anos”.