O TSXG anula a ordenanza do Concello de Santiago que permite a bares e pubs organizar concertos

O alto tribunal acolle o recurso interposto pola Xunta contra esa normativa municipal

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a ordenanza aprobada en novembro de 2018 polo pleno do Concello de Santiago de Compostela que permite a bares, cafeterías, restaurantes e pubs a organización de eventos con música en directo. O alto tribunal acolle, desta forma, o recurso interposto pola Xunta contra esa normativa municipal porque converte “en regra xeral o que só de forma extraordinaria e esporádica podería permitirse”, segundo o marco legal da comunidade autónoma, para cuxa modificación o Concello de Santiago “carece de competencia”.

O TSXG condena o Concello “á comunicación individualizada a todos os operadores que fixeron a declaración responsable” requirida na ordenanza para organizar eventos con música en directo de forma indefinida. “A partir da firmeza desta sentenza, esas declaracións carecerán de eficacia para lexitimar a celebración de actuacións musicais en directo nos referidos establecementos”, advirten os maxistrados. Contra a resolución cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo ou ante o TSXG, sempre que se acredite interese casacional.

Os xuíces lembran na sentenza que a definición do catálogo autonómico non permite como actividade propia a realización de eventos que impliquen música en directo a este tipo de establecementos, polo que conclúen que a ordenanza “está a operar de facto unha ilexítima modificación dese catálogo”. Os maxistrados, ademais, destacan que na normativa aprobada polo Concello de Santiago non hai “ningunha limitación cuantitativa nin temporal ao desenvolvemento de tales actividades musicais, que se permiten sen introducir o requisito de que se desenvolvan con carácter extraordinario e só esporadicamente”. Por iso conclúen que contravén “o marco legal autonómico, de superior xerarquía”.

O TSXG tamén indica na sentenza que a ordenanza impugnada “limítase a permitir de forma xeral calquera tipo de actuación musical, cualificándoa de servizo complementario, como se calquera actuación musical en directo fose cualificable a priori como de escasa entidade ou incidencia”.