Un xulgado de Vigo autoriza a unha nai para vacinar á súa filla da COVID-19 a pesar da oposición do pai

A maxistrada sinala que durante a tramitación do expediente se escoitou á nena, quen manifestou “o seu desexo de vacinarse”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 12 de Vigo autoriza a unha nai para vacinar da Covid-19 á súa filla de 12 anos, a pesar da oposición do pai. A maxistrada destaca no auto, no que acolle a pretensión da proxenitora e acorda atribuírlle a facultade para decidir sobre a inoculación da nena, que o eventual risco para a saúde é “moi inferior ao risco certo que se puidese derivar da súa non vacinación no caso de que a menor chegase a contraer a enfermidade”. Ademais, salienta que as autoridades sanitarias recomendan a vacinación fronte á COVID-19 porque se demostrou que, nestes momentos, “parece a única alternativa eficaz fronte ao risco real de contraer a enfermidade” e que constitúe “unha medida necesaria que tende a protexer a saúde da menor". 

A xuíza explica que a nena, cuxa garda e custodia a exerce a nai, con quen convive en Vigo, recibiu a cita do Sergas para poder recibir a dose da vacina o pasado mes de agosto, pero non puido acudir ao carecer do consentimento do seu pai, quen se opón “por temor aos riscos a efectos adversos que poida xerar na saúde da súa filla”. A maxistrada sinala que durante a tramitación do expediente se escoitou á nena, quen manifestou “o seu desexo de vacinarse” e asegurou que a maioría dos seus compañeiros de clase xa se vacinaron e que ela tamén a quere recibir “para sentirse máis protexida fronte á enfermidade”. 

Ademais, a xuíza lembra no auto, contra o que cabe presentar recurso, que a vacina foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento e pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, o que “permite supoñer que se elaborou coas máximas garantías de calidade, seguridade e eficacia”.