O xulgado de garda de Betanzos envía a prisión provisional a unha investigada por incumprir o confinamento e lesionar a un axente

A xuíza tomou esta medida, segundo especifica no auto, “dada a gravidade dos delitos investigados e o claro perigo de reiteración delituosa”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 4 de Betanzos, en funcións de garda, decretou a prisión provisional, comunicada e sen fianza dunha muller investigada por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma en varias ocasións e, onte, protagonizar un incidente con efectivos da Garda Civil de Sada, durante o cal presuntamente lle causou a un deles “importantes lesións”. A xuíza tomou esta medida, segundo especifica no auto, “dada a gravidade dos delitos investigados e o claro perigo de reiteración delituosa”.

Das dilixencias practicadas ata o momento, segundo consta na resolución, despréndese que, desde o inicio do estado de alarma, se instou á muller “en numerosas ocasións” á obediencia da orde de confinamento. Con todo, fixo “caso omiso” e mostrouse “en todo momento desafiante, insultando aos axentes, chegando a cuspirlles e entorpecendo gravemente o seu labor”. En concreto, constan requirimentos dos axentes os días 21, 23 (en dúas ocasións), 24 e 25 de marzo, tras os cales lle abriron dilixencias policiais por desobediencia. “Sen prexuízo de levar a cabo unha posterior cualificación máis ampla, pódese afirmar que os feitos polos que se seguen as presentes actuacións revisten os caracteres dun delito de atentado para o que figura prevista a pena de prisión de 6 meses a 3 anos”, indica a xuíza.

No auto destaca que é “evidente a gravidade desta presunta conduta ilícita, que crea unha gran intranquilidade e desasosego”, á vez que advirte que “se podería repetir, de non adoptarse medidas”.

Todas as partes implicadas no procedemento interviñeron, por primeira vez en Betanzos, por videoconferencia, a excepción da xuíza e do letrado, que se atopaban no xulgado de garda. Tanto a avogada da detida, como a propia arrestada e a fiscal participaron na vista sen necesidade de desprazarse ao edificio xudicial.