A Audiencia confirma a sentenza que rexeitou a demanda de sete investidores contra Novacaixagalicia e o FROB

A Sala entende, igual que a xulgadora de instancia, que non quedou demostrada a intención de engano

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sección 5ª da Audiencia Provincial da Coruña non acolleu o recurso de apelación interposto por sete entidades galegas contra a sentenza que rexeitou as súas pretensións fronte a Novacaixagalicia Banco e ao FROB. A Sala confirma a resolución do Xulgado de Primeira Instancia Núm. 5 da Coruña e sostén que non pode "senón confirmar a valoración que da proba que consta nos autos fai a xulgadora de instancia", que apreciou a inexistencia de dolo na conduta do FROB e Novacaixagalicia. "Nin aparece inequivocamente a intención de enganar ou de aproveitarse do engano, nin a conduta precontractual das partes tivo, a xuízo deste tribunal, eficacia captatoria, determinante da vontade de contratar dos agora recorrentes".

En relación coa concorrencia de erro invalidante do consentimento contractual nos investidores, recordan os maxistrados que están a valorar "a actuación de empresas para as que os investimentos en valores non son elemento estraño á súa actividade ordinaria, tivéseno ou non como obxecto social propio (algunhas das apelantes si o tiñan expresamente) e por iso a falta de asesoramento especializado (interno ou externo) denota unha falta de dilixencia profesional que fai inescusable o erro en que puidesen ter incorrido".

Sobre as razóns polas que os empresarios se decidiron a investir na entidade bancaria, sostén a Sala que "nada diso xustifica, desde o punto de vista estritamente vinculado coa acción xudicial exercitada, non analizar, con detemento e o apoio técnico que for preciso, as condicións da operación, en relación coa situación económica da entidade cuxas accións se compraban, e fiarse, tan só, da documentación preparada por Novacaixagalicia para a captación de investidores, algunha da cal tiña como data agosto de 2011, en que a valoración real da empresa aínda non se puxera de manifesto".

Finalmente, en canto á valoración da proba pericial por parte da xulgadora de instancia, sostén a Audiencia que foi "racional, lóxica e motivada". Contra a resolución cabe recurso perante o Tribunal Supremo.