O número de asuntos ingresados nos órganos xudiciais galegos cae un 23,7 % no 2º trimestre

O descenso máis acusado, do 34,8 %, dáse na xurisdición penal, como consecuencia da reforma da LECrim. Diminúe tamén o ingreso de asuntos na comunidade na xurisdición civil (11,2 %), pero aumenta na contencioso-administrativa (6,7 %) e, sobre todo, na social (11,5 %)

Autor
Comunicación Poder Judicial

O número de asuntos ingresados nos órganos xudiciais galegos no segundo trimestre do ano foi de 91 366, fronte aos 117 947 do mesmo período en 2015, o que supón unha diminución interanual do 23,7 por cento, segundo os datos do informe ‘Situación dos órganos xudiciais no segundo trimestre de 2016’ feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

O descenso máis acusado deuse na xurisdición penal, cun 34,8 % menos de novos asuntos que no segundo trimestre do ano pasado, caída motivada pola entrada en vigor o pasado 6 de decembro da reforma da Lei de Axuizamento Criminal, pola que os atestados policiais nos que non existe autor coñecido do delito denunciado xa non se remiten aos Xulgados de Instrución.

A reforma legal ten tamén reflexo no número de asuntos resoltos polos tribunais da comunidade entre o 1 de abril e o 30 de xuño pasados, que foi de 97 801, cunha media de 390,5 por órgano xudicial. A cifra supón un 21,6 % menos que no mesmo trimestre de 2015, cando a LECrim aínda non fora modificada e contabilizábanse os asuntos que deixaron de ingresar os Xulgados de Instrución, que se resolvían de forma inmediata cun auto de arquivo por falta de autor coñecido.

O número de asuntos que quedaron en trámite ao final do segundo trimestre do ano en Galicia foi de 122 754, un 13,7 % menos que ao final do mesmo período do ano anterior.

Datos por xurisdicións

Na comunidade descendeu tamén o número de asuntos ingresados na xurisdición civil. Nos meses de abril, maio e xuño deste ano rexistráronse 32 102 casos, o que representa unha diminución interanual do 11,2 % (fronte ao 6,5 % de caída estatal). A cifra de asuntos resoltos foi de 34 589 e a de asuntos en trámite ao final do período de 50 650, un 1,7 % menos que ao finalizar o mesmo período do ano pasado.

Na xurisdición penal, o número de novos asuntos foi de 47 546, un 34,8 por cento menos que no segundo trimestre de 2015. Nesta xurisdición resolvéronse 50 026 asuntos e quedaron en trámite ao final do período outros 39 391.

Como xa se indicou, a importante redución no número de asuntos ingresados obedece á entrada en vigor da Lei 41/2015 de modificación da LECrim, que no segundo trimestre de 2016 tivo como consecuencia que a cifra de novos asuntos nos Xulgados de Instrución -que antes recibían os atestados policiais sen autor coñecido do delito denunciado- baixase case á metade, cunha caída do 42,8 %. No conxunto do Estado rexistrouse un descenso do 49,5 %. Con todo, aumentaron nesta xurisdición en Galicia o número de asuntos ingresados nos Xulgados de Violencia contra a Muller (7,1 %) e nos Xulgados de Menores (8,7 %).

Na xurisdición contencioso-administrativa, fronte á tendencia á baixa no conxunto do Estado, en Galicia rexistrouse no segundo trimestre un aumento na entrada de asuntos. Os xulgados recibiron 2977 casos novos, o que supón un 6,7 % máis con respecto ao mesmo período do ano anterior. O número de asuntos resoltos foi de 3786 (un 6,5 % máis que no segundo trimestre de 2015) e o de asuntos en trámite ao final do trimestre de 6862, o que supón un descenso do 10,7 %.

A xurisdición que experimentou un incremento máis importante no número de asuntos ingresados no segundo trimestre do ano foi a social, onde os 8741 asuntos novos representan un aumento do 11,5 % respecto ao mesmo período do ano anterior. Nesta xurisdición resolvéronse 9400 asuntos e quedaron en trámite outros 25 851.

Taxa de litixiosidade

A taxa de litixiosidade en Galicia (33,62) sitúase lixeiramente por baixo da media estatal no segundo trimestre de 2016, que foi de 34,16 asuntos por cada mil habitantes. Mentres que en contencioso e sobre todo en penal a taxa da comunidade sitúase por baixo da media, é algo máis alta en civil e especialmente en social (3,22 fronte aos 2,26 de media no conxunto do Estado).

Os datos por Tribunais Superiores de Xustiza e por provincias están dispoñibles na seguinte dirección:

http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Actividad-judicial-por-territorio