Aumenta un 5,9% o número de denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia

A taxa de violencia de xénero na comunidade sitúase en 9,15, fronte ao 14 de media estatal

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1389 denuncias por violencia de xénero, un 5,9 % máis que no mesmo período do ano anterior, cando se presentaron 1312. Descende de novo, con todo, o número de mulleres que aparecen como vítimas, de 1303 entre marzo e xuño de 2015, ás 1288 deste ano. Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia aumentan os casos de vítimas que se acollen á dispensa para non declarar. No segundo trimestre do ano, 92 mulleres decidiron non prestar declaración no xulgado, o que supón un
7,1 % das mulleres vítimas, fronte ao 4,8 % do mesmo período de 2015.

 Galicia segue sendo unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) máis baixa do Estado, con 9,15 persoas, fronte ás 14,18 do conxunto do Estado. Só A Rioxa e Castela e León teñen taxas de violencia máis baixas.

 Durante o segundo trimestre do ano solicitáronse 378 ordes e medidas de protección nos órganos xudiciais da comunidade, fronte ás 397 do mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 4,8 %. Das 378, foron adoptadas 225, o 59,5 %. De abril a xuño deste ano foron axuizados 145 persoas, e delas o 85% condenadas, fronte ao 77% do ano pasado.

Os datos estatísticos están dispoñibles en: http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Informes-estadisticos-periodicos