Acordo do presidente do Tribunal Superior de Xustiza ante a situación xerada polo COVID-19

Quedan suspendidas as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional

Autor
Comunicación Poder Judicial

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, fixo chegar na tarde de onte á carreira xudicial galega as instrucións publicadas, tras o acordo da Comisión Permanente, polo Consello Xeral do Poder Xudicial relativas á prestación do servizo público ante a situación xerada polo  COVID-19, facendo constar que a súa aplicación é de carácter inmediato.

Así mesmo, o presidente tomou a decisión, ratificada pola Sala de Goberno de hoxe xoves, de suspender as visitas individuais ou colectivas a dependencias xudiciais que non estean directa e exclusivamente relacionadas coa actividade xurisdicional ou as condicións para que esta se poida realizar. Pospóñense, desta maneira, as actividades do programa Educar en Xustiza e as visitas colectivas de institucións, colexios, centros universitarios e calquera outra que implique presenza nas dependencias xudiciais de persoas que non teñan sinalamentos de carácter xurisdicional ou administrativo aos que acudir.

O acordo indica así mesmo que “a asistencia do persoal xudicial a actos organizados por corporacións, institucións ou administracións que impliquen presenza masiva de persoas déixase á responsabilidade individual das persoas asistentes”, aínda que se lembra “a importancia que ten o exercicio da función xurisdicional e a necesidade de evitar situacións que poñan en risco de contaxio ás persoas que a desenvolven e a quen con elas se relacionan”. Neste sentido, e no ámbito da comunidade autónoma galega, “dispensarase a avogados/as e procuradores/as do uso de  toga en actos xudiciais”.

A presidencia do TSXG entende que estas medidas serven “para garantir a saúde de quen intervén na función xurisdicional e a que esta se poida desenvolver adecuadamente”, e engade que “en coordinación co Consello Xeral do Poder Xudicial adoptaranse as medidas precisas para salvagardar a saúde do persoal xudicial e funcionario que desenvolva a súa actividade en contacto con grupos de risco, así como calquera outras precisas para previr e paliar os efectos da situación actual”. Neste sentido, interesouse tamén da Xunta de Galicia a adopción das medidas precisas para a plena efectividade das instrucións do Consello Xeral do Poder Xudicial e do acordo tomado posteriormente por motivos de urxencia polo presidente do Tribunal galego.

A Sala de Goberno, en atención á evolución da situación sanitaria, engadiu hoxe outros dous puntos á instrución ditada onte polo presidente do TSXG. Respecto a os rexistros civís, oficinas de atención ao cidadán, oficina de atención á vítima e xulgados de violencia sobre a muller habilítase a xuíces/zas decanos/ as e titulares a adoptar as medidas que consideren oportunas en orde a dar cumprimento ás recomendacións elaboradas pola autoridade sanitaria no marco da instrución ditada no día de onte polo  CGPJ. 

Ademais, a Sala solicitou da Dirección Xeral de Xustiza, advertindo da necesidade e urxencia de adoptar as seguintes medidas, que quedan "baixo a estrita responsabilidade da Dirección  Xeral": 

-Reforzar as quendas de limpeza e desinfección dos edificios xudiciais, en especial das dependencias do xulgado de garda, rexistros civís, oficinas de atención ao cidadán, oficina de atención á vítima e xulgados de violencia sobre a muller. 

-Dotar aos xulgados de medios materiais de protección e hixiene con carácter inmediato. 

-Situar carteis informativos en todas as entradas dos edificios xudiciais, visibles e lexibles, coas recomendacións das autoridades sanitarias.