A Audiencia condena a seis anos de cárcere por intento de asasinato a un mozo que apuñalou a outro cando se subía a un taxi na Coruña

O tribunal sostén que o “ánimo de matar” está xustificado tanto polo informe forense, como pola “pluralidade de actos, tres puñaladas, e a forza coa que se asestaron”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a seis anos de cárcere a un mozo que acoitelou a outro o 19 de marzo de 2017 na confluencia de Rúa Nova con San Andrés cando se dispoñía a subirse a un taxi. O tribunal considerouno culpable dun delito de intento de asasinato e descartou que o acusado actuase baixo os efectos do consumo de drogas ou alcol que limitasen as súas capacidades de entendemento e vontade cando cometeu os feitos. “Ese ataque veu guiado polo ánimo de matar, con coñecemento e aceptación desta posibilidade”, destacan os xuíces. O tribunal, ademais da pena de prisión, impúxolle a prohibición de aproximarse á vítima durante catro anos e o pagamento dunha indemnización de 13.870 euros.

Os maxistrados consideran probado na sentenza que, “por razóns que non constan”, o sospeitoso propinoulle o afectado un golpe na cabeza e, cando estaba de costas e accedía ao interior do vehículo, cravoulle tres veces na zona abdominal dereita unha navalla. A Audiencia subliña que aproveitou que a súa “postura e posición” o deixaba “sen posibilidade de reaccionar ou de protexerse”. O tribunal sostén que o “ánimo de matar” está xustificado tanto polo informe forense, que indica que as feridas eran “potencialmente letais, non soamente polas zonas vitais que poderían alcanzar, senón pola posibilidade de causar unha hemorraxia interna”, como pola “pluralidade de actos, tres puñaladas, e a forza coa que se asestaron, capaz de atravesar as diferentes roupas sobrepostas que vestía a vítima nese momento”.