A Audiencia Provincial da Coruña condena o capitán a nove meses de prisión por un delito de desobediencia grave á autoridade

Autor
Comunicación Poder Judicial

SENTENZA PRESTIGE

A Audiencia Provincial da Coruña condena o capitán a nove meses de prisión por un delito de desobediencia grave á autoridade

Absolve aos tres acusados dos delitos contra o medio ambiente e danos en espazos naturais protexidos

13/11/2013. A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña decidiu absolver a Apostolos Ioannis Mangouras, Nikolaos Argyropoulos e José Luis López-Sors González dos delitos contra o medio ambiente, danos en espazos naturais protexidos e danos polos que foran acusados. A Sala —formada por Juan Luis Pía Iglesias (presidente), Salvador Sanz Crego e María Dolores Fernández Galiño— absolve tamén a Nikolaos Argyropoulos do delito de desobediencia polo que tamén viña acusado, con expresa declaración de oficio de dúas terceiras partes das custas procesuais.

 A Audiencia si condena a Apostolos Ioannis Mangouras (capitán do barco), como autor criminalmente responsable dun delito de desobediencia grave á autoridade previsto e penado no art. 556 en relación co art. 550 do Código penal, á pena de 9 meses de prisión e ao pagamento da restante terceira parte das custas procesuais, con aboamento do tempo xa sufrido de privación de liberdade por esta causa.

 Fundamentos de dereito da sentenza

A sentenza sostén que “ninguén sabe con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido, nin cal debería ter sido a resposta apropiada á situación de emerxencia creada pola grave avaría do Prestige, pero ninguén pode negar o fallo estrutural, nin puido demostrar no xuízo onde se produciu exactamente nin por que razón”.

Segundo a decisión, formalmente realizáronse inspeccións, materialmente realizáronse reparacións e a entidade ABS certificou a habilidade do buque para navegar con normalidade, pero malia iso o fallo estrutural non tivo ningunha outra orixe que as deficiencias de mantemento e control da conservación do buque, que non respondían a vicios que puidesen observarse directamente, senón que dependían de análises técnicas complexas que non se efectuaron coa debida profesionalidade, eficacia e/ou prudencia.

 Para os maxistrados, todos os informes técnicos son extraordinariamente elusivos e imprecisos, o cal se deduce dos termos literais de moitos deses informes, e aqueles que pretenden establecer algunha causa concreta e demostrable carecen de rigor e concrétanse en atribuír o acontecido a ondas anormais, á rotura/fractura dun tabique e a defectos de conservación.

 O Prestige estaba dotado de cantos certificados e documentación son esixibles para amparar a súa legal navegación nas augas por onde o facía, e o control estaba encomendado á entidade ABS. Se os feitos demostran que a estrutura do Prestige non era apta para soportar a navegación normal, e moito menos en condicións críticas, é imposible que se certificase honradamente o contrario, é dicir, xorden indicios racionais de que o control ou inspección, como mínimo, non foi eficaz.

A Sala conclúe que “se non se demostrou que os acusados quixesen afundir o buque, nin que coñecesen as súas deficiencias estruturais nin as causas destas relacionadas con conservación e/ou reparacións, senón que se limitaron a asumir unha navegación arriscada en termos que non poden ser tachados de imprudentes, nin desde o punto de vista estritamente profesional nin desde o punto de vista da mera lóxica, parece evidente concluír que os tripulantes do Prestige acusados neste xuízo deben ser absolvidos deste primeiro delito, porque non actuaron dolosamente e porque a súa imprudencia relativa, caso de existir, nin foi eficiente nin se demostrou en moitos aspectos, e, sobre todo, en ningún caso foi grave, que é o que esixe o tipo” penal para condenar.

 A outra acusación relevante neste xuízo —resolve a sentenza— é a formalizada por moitas partes contra o director xeral da Mariña Mercante, José Luis López-Sors González, a quen se lle atribúe a responsabilidade do ocorrido por tomar a decisión de afastar o buque das costas galegas, o cal propiciou que a vertedura de fuel do Prestige afectase a unha extensa porción de costas españolas e francesas en termos económica e ambientalmente catastróficos.

 Dadas as condicións do mar e o clima nos días de autos e mais o estado do Prestige, así como a súa proximidade á costa galega, era case inminente que embarrancase na referida costa, con consecuencias concentradas pero moi prexudiciais para ela e o seu delicado equilibrio ecolóxico, de xeito que, tal e como acontece coa reacción do capitán para endereitar o buque, case todos os expertos coinciden en que a decisión inicial de afastamento foi correcta.

 “As autoridades españolas contaban ademais con asesoramento técnico correcto e máis que suficiente, aínda que, como todo asesoramento desa índole, suxeito a erro. Nunca se dixo ata agora cal sería a decisión correcta a adoptar nin o protocolo a seguir no suposto non desdeñable de que se repetisen feitos similares; nin aínda agora, despois dunha dilatada instrución e dun longo e árido xuízo, foi capaz ninguén de sinalar o que se debería de facer, á parte dalgunhas opinións particulares máis ou menos técnicas”, afirma a sentenza.

 Consideran os maxistrados que “simplemente, ante unha situación de emerxencia, tras o asesoramento técnico máis rigoroso e capaz, tomouse unha decisión discutible pero parcialmente eficaz, enteiramente lóxica e claramente prudente”.

Ao capitán acusado ordenóuselle reiterada, imperativa e claramente que dese remolque, para materializar así a orde da autoridade marítima española que decidira que se afastase o buque da costa galega. Pero o capitán acusado non acatou nin cumpriu esa orde, senón que de forma elusiva decidiu non a cumprir e desobedeceuna, co pretexto de que tiña que falar co seu armador, e tardou arredor de tres horas en realizar esa consulta.

 O acontecido é que, máis preocupado polas consecuencias económicas dun remolque que era obrigado, urxente e razoable que por solucionar unha situación de máxima emerxencia, decidiu o capitán, talvez con certa anuencia do armador, non obedecer as lexítimas ordes que de forma imperativa lle foron impartidas, co cal materializou unha clara desobediencia e desprezou intencionalmente o principio de autoridade, tamén lexítimo, da autoridade marítima nacional.

Pola contra o xefe de máquinas nada puido desobedecer con respecto ao remolque, porque quen decidía esa cuestión era o capitán.

 Sostén a Sala que “a responsabilidade civil esixible non pode referirse ás graves consecuencias económicas da vertedura de fuel do Prestige, ex arts. 109, 110, 116  e concordantes do Código penal, como se deduce do teor literal deses preceptos cando se refiren a danos e perdas causados polo feito ou á necesidade de que os danos e perdas se deriven do delito, de modo que se só se considera acreditado o delito de desobediencia, deste non se deriva ou con este non se causaron os danos e perdas derivados da vertedura do Prestige, con independencia da en boa parte cumprida acreditación de inxentes danos e perdas.