Dous xulgados de Pontevedra anulan seis multas por incumprir o confinamento

O criterio dos xuíces galegos afecta só as sancións do primeiro estado de alarma interpostas polo Goberno por “desobediencia á autoridade”. Na actualidade, impóñenas a Xunta e os concellos por tratarse dun asunto sanitario

Autor
Comunicación Poder Judicial

Dous xulgados de Pontevedra, seguindo o criterio do resto de sentenzas ditadas en Galicia sobre as multas que as subdelegacións do Goberno impuxeron por infrinxir o confinamento derivado do primeiro estado de alarma, anularon seis sancións de 601 euros cada unha. Ambos coinciden cos criterios xa esgrimidos por outros xulgados da comunidade e explican que a anulación das multas se produce porque as subdelegacións do Goberno aplicaron un tipo infractor, o de "desobediencia á autoridade", que consideran incorrecto. Para a concorrencia desa infracción, a persoa sancionada debe incumprir “unha orde directa, inmediata e particularizada da autoridade ou dos seus axentes, impartida no momento no que é identificada”. En ningún caso, polo tanto, “permite sancionar, de maneira xenérica, o incumprimento de disposicións normativas de carácter xeral”.

Os xuíces e xuízas galegos entenden que as restricións son de natureza sanitaria e que, polo tanto, o seu incumprimento debe ser sancionado pola Xunta, non polo Goberno. Este motivo de anulación afecta a todas as multas interpostas durante o primeiro estado de alarma, é dicir, entre marzo e xuño. Na actualidade, os incumprimentos das restricións impostas pola Consellería de Sanidade xa están a ser sancionados pola Xunta e os concellos.

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra, baseándose nese criterio, anulou as multas a cinco traballadores que o 26 de marzo acudiron no mesmo vehículo desde a sede da súa empresa para realizar unhas reparacións na zona portuaria de Guixar, en Vigo. Pola súa banda, o Xulgado do Contencioso-administrativo número 3 de Pontevedra acolleu o recurso contra a sanción imposta o 23 de marzo a un home que se atopaba na vía pública.