A Audiencia condena a doce anos e medio de cárcere un home que tentou asasinar á súa parella na localidade pontevedresa de Cangas

Os maxistrados conclúen na resolución que os feitos se realizaron “aleivosamente”, polo que consideran que se tratou dun intento de asasinato, non de homicidio

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a doce anos e medio de cárcere un home que tentou asasinar á súa parella cunha arma branca durante unha discusión na vivenda familiar, situada en Cangas.

O tribunal salienta na sentenza que a versión ofrecida polo acusado, quen alega que só houbo un forcexeo, é “incompatible” coas probas, mentres que a da vítima e a súa irmá, testemuña dos feitos, está avalada documental e pericialmente. Así, resalta que as lesións obxetivadas polos médicos forenses concordan co testemuño da afectada.

Os maxistrados conclúen na resolución que os feitos se realizaron “aleivosamente”, polo que consideran que se tratou dun intento de asasinato, non de homicidio. “Estamos ante un ataque súbito, non esperado, e que debilitaba as posibilidades de defensa da vítima”, destacan.