Un xuíz arquiva a causa por un delito de desobediencia contra dous detidos en Vigo por incumprir o confinamento

Un dos investigados xa fora proposto para sanción administrativa con anterioridade oito veces e, o outro, tres

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo decretou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións nas que se investigaba como presuntas autoras dun delito de desobediencia a dúas persoas que foron interceptadas pola policía na rúa Urzáiz o pasado 22 de abril en dúas ocasións. Un dos investigados xa fora proposto para sanción administrativa con anterioridade oito veces e, o outro, tres. O maxistrado considera que o comportamento dos sospeitosos podería implicar un incumprimento de carácter administrativo, pero non a comisión dun delito de desobediencia porque non consta que se lles requirise, “con carácter previo e de forma expresa e clara”, que cumprisen o confinamento.

Ademais, o xuíz advirte no auto que non é “constitucionalmente lícito” criminalizar unha infracción administrativa “polo mero feito da súa repetición”. No auto tamén sinala que da lectura do atestado “non se pode entender, nin sequera de forma indiciaria, que os investigados tivesen a crenza que de forma grave obstaculizaban de maneira relevante o cumprimento da finalidade do estado de alarma”.

O titular do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo considera “evidente” que o feito de estar na rúa “non pode catalogarse sen máis como grave”. Por iso, destaca que esa conduta non é constitutiva dun delito de desobediencia, á vez que sinala que, neste caso, con máis motivo, pois tampouco consta que os investigados sexan persoas de risco que poidan contaxiar.

O xuíz asegura que os dous detidos “viven na marxinalidade social”, pois un deles deu como residencia unha casa ocupa e, o outro, un domicilio en Viveiro. O instrutor sostén que ao ser proposto para sanción varias veces en Vigo durante o último mes é “obvio que reside case con toda seguridade na rúa ou nunha casa tamén ocupada de forma ilegal”. O maxistrado indica que de reincidiren a partir do 22 de abril, que é a data na que foron arrestados e na que se lles fixo un requirimento “expreso, persoal e claro” das consecuencias dun novo incumprimento da obriga de confinamento, será “unha cuestión distinta que deberá valorarse no seu momento”.