A Audiencia de Pontevedra absolve a traballadora do Sergas acusada de acceder ao historial da súa filla

Subliña que “non se acreditou que os devanditos accesos fosen realizados pola acusada sen consentimento da súa filla”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, absolveu a traballadora do Sergas acusada de acceder ao historial clínico electrónico da súa filla sen o seu consentimento. O tribunal considera probado na sentenza que, entre xuño de 2012 e abril de 2014, realizou 68 entradas ao expediente, pero subliña que “non se acreditou que os devanditos accesos fosen realizados pola acusada sen consentimento da súa filla”.

“Os feitos en que se basean as acusacións para pretender unha sentenza condenatoria non foron acreditados de modo suficiente ou certo, máis aló de toda dúbida razoable, para chegar á condena penal pretendida”, indica a Audiencia na resolución, notificada hoxe. Os maxistrados, ademais, sinalan que “non se pode descartar un ánimo espurio na declaración da vítima, dada a mala relación existente coa súa nai”.