Comisión Nacional de Estatística Xudicial

A Comisión Nacional de Estatística xudicial ten a súa orixe no artigo 461.3 da LOPX que establece que:

A Comisión Nacional de Estatística Xudicial, integrada polo Ministerio de Xustiza, unha representación das Comunidades Autónomas con competencias na materia, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Fiscalía Xeral do Estado, aprobará os plans estatísticos, xerais e especiais, da Administración de Xustiza e establecerá criterios uniformes e de obrigado cumprimento para todos sobre a obtención, tratamento informático, transmisión e explotación dos datos estatísticos do sistema xudicial español.

A estrutura, composición e funcións da Comisión Nacional de Estatística Xudicial está regulada polo Real Decreto 1184/2006, do 13 de outubro.  A Comisión funciona en Pleno e en Comisión Técnica e ten unha presidencia e secretaría rotatoria, por dous anos, entre o Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder xudicial. A Comisión Nacional de Estatística Xudicial constituíuse formalmente o 17 de maio de 2007.