O xulgado multa á Xunta por un accidente no Lérez causado durante un adestramento de remo do Centro de Tecnificación Deportiva

O demandante sufriu unha lesión na rexión lumbar pola que estivo 78 días de baixa

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra condenou á Xunta a indemnizar con 3.097 euros a un piragüista que en xuño de 2017, cando se atopaba no río Lérez, entre a ponte de Santiago e a dos Tirantes, foi alcanzado pola proa dunha embarcación de remo dobre scull do Centro Galego de Tecnificación Deportiva que circulaba a gran velocidade. O demandante sufriu unha lesión na rexión lumbar pola que estivo 78 días de baixa. Ademais, impediulle acudir ao campionato de España de piragüismo.

O xuíz destaca na sentenza que o accidente se produciu durante unha sesión de exercicio organizada polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva, cunha embarcación da súa titularidade e baixo a súa responsabilidade. “Os adestramentos de máximo nivel organizados en espazos públicos de tránsito común deben dispoñer dun protocolo mínimo de seguridade para evitar causar danos a terceiros”, salienta o maxistrado, quen destaca que, con máis motivo cando se trata de deportes como o remo. Así, lembra que nas embarcacións dobre scull navegan dous deportistas, os cales se atopan “de costas á proa, sen visibilidade cara á traxectoria dianteira, desprazándose a gran velocidade e sen temoneiro que poida advertir ou evitar os obstáculos cos que se topen de fronte”.

O xuíz recalca que “non consta” que o Centro de Tecnificación, que se dedica á formación de deportistas profesionais de alto nivel, preparándoos para competicións como os Xogos Olímpicos, implantase “ningún protocolo ou medida precautoria”. Para o xuíz queda “clara” a responsabilidade da Secretaría Xeral do Deporte no accidente. “É un auténtico despropósito dispoñer adestramentos a gran velocidade de embarcacións de remo deste tipo, en espazos públicos transitados por outros barcos, sen mínimas medidas de seguridade, como poderían ser o apoio dunha barca ou un adestrador en terra a distancia adecuada para dar instrucións e advertir dos obstáculos”.

Ademais, a proba practicada “non demostrou que o demandante estivese a realizar unha manobra imprudente ou inadecuada”. Así, o xuíz asegura que había espazo suficiente para poder esquivar a súa piragua. “En definitiva, concorren os requisitos de nexo causal e actuación antixurídica. O actor non ten o deber de soportar un dano que se podería evitar facilmente cun mínimo actuar dilixente da Administración demandada, conforme ao estándar mínimo de calidade esixible ao servizo público que ofrece”, recolle a sentenza.