O TSXG confirma a condena de 40 anos de cárcere imposta ao veciño de Soutomaior que asasinou a tiros a súa irmá e a súa sobriña

O tribunal descarta a concorrencia da eximente ou a atenuante de lexítima defensa que solicita a defensa do procesado. Na decisión salienta que o xurado xa rexeitou esa tese da defensa, o cal “é plenamente coherente co resultado das probas practicadas no xuízo”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, na que foi condenado a 40 anos de cárcere, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, o veciño de Soutomaior que asasinou a tiros a súa irmá, de 62 anos, e a súa sobriña, de 26, en agosto de 2020, cando estas se trasladaron ao seu domicilio para lle pedirlle que lles devolvese unha esqueira que lle prestaran. O alto tribunal galego acepta o relato de feitos probados da resolución obxecto de recurso, na que o maxistrado presidente do Tribunal do Xurado afirma que o condenado, tras alcanzar unha pistola, dirixiuse cara ás vítimas, que colleran a esqueira e estaban na parte sen cubrir da vivenda, e disparoulles coa intención de acabar coas súas vidas, “de forma inesperada para elas e a curta distancia, evitando así calquera posibilidade de se defenderen”.

 A Sala do Civil e do Penal lémbralle ao recorrente, que alegou que os disparos non se fixeron por detrás nin por sorpresa, que o seu relato alternativo “non pode prevalecer sobre o da sentenza conformada segundo o veredicto, no que os xurados —por unanimidade— chegaron á conclusión de que foi un ataque por sorpresa, a moi curta distancia, evitando calquera posibilidade de defensa por parte das vítimas”. A proba pericial técnica, segundo destacan os maxistrados do TSXG, concluíu que a distancia á que se realizaron os disparos “foi moi reducida”. Ademais, sinalan que se efectuaron a zonas vitais. 

O TSXG descarta a concorrencia da eximente ou a atenuante de lexítima defensa que solicita a defensa do procesado. Na decisión salienta que o xurado xa rexeitou esa tese da defensa, o cal “é plenamente coherente co resultado das probas practicadas no xuízo”. Así, os maxistrados recordan que “as testemuñas achegadas ás vítimas non recoñeceron os apeiros que, segundo o acusado, portaban”, así como que eses apeiros “non presentaban sangue do acusado (a pesar de que no plenario manifestou que fora agredido con eles)”.  

Sobre a petición do condenado de que a circunstancia de parentesco opere como atenuante e non como agravante, “atendendo á malísima relación entre as partes”, o TSXG destaca que o Tribunal do Xurado considerou que “a relación de parentesco que había entre o acusado e as vítimas supón un maior reproche na conduta realizada”. Na sentenza, os xuíces tamén rexeitan que concorra a atenuante de confesión, pois indican que quedou acreditado que o acusado “ocultou a arma durante horas”, así como que do ditame dos forenses “se desprenden indicios da manipulación da escena do crime con ánimo exculpatorio”. En canto ao medo insuperable, o alto tribunal galego subliña que non existe “o mínimo indicio” de que o acusado o padecera. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.