Un xulgado anula unha multa imposta durante o confinamento a un veciño de Vigo que se dirixía a unha farmacia

O xuíz salienta que “non hai rastro de que por parte dos policías lle dirixisen requirimento algún ao denunciado que fose cuestionado”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo anulou outra multa imposta durante o confinamento derivado do estado de alarma por estar na vía pública. Neste caso, o denunciado foi un home que camiñaba o 28 de marzo sobre as tres e media da tarde pola rúa Camelias. Ao ser interceptado por axentes da Policía Local, informoulles de que se dirixía a unha farmacia porque as máis próximas á súa vivenda estaban pechadas.

O xuíz salienta que “non hai rastro de que por parte dos policías lle dirixisen requirimento algún ao denunciado que fose cuestionado”, polo que conclúe que non existe delito de desobediencia e, polo tanto, decreta a anulación da sanción de 601 euros. “Non imos entrar no debate referente ás distancias das farmacias que se achasen abertas máis próximas ao momento no que se efectúa a denuncia, so pena de alcanzar resultados tan absurdos como que se valide unha actuación sancionadora porque a farmacia á que se acudiu estaba a un quilómetro do domicilio do suxeito cando dispoñía doutra a oitocentos metros”, explica o maxistrado.

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Vigo, con todo, sinala que o veciño de Vigo acreditou unha compra na farmacia da Ronda de Don Bosco, que é á que lle cominaron a ir os axentes por ser a máis próxima ao seu domicilio. “Aínda que non acudise a esa farmacia, senón a outra, non detectamos delito na súa conduta”, recalca o xuíz, á vez que sinala que o xustificante da compra “só serve para corroborar a plena obediencia do recorrente ao mandato dos axentes que o denunciaron, a súa total colaboración e disposición a aceptar o seu requirimento e, en suma, a ausencia de calquera resistencia a acatar as súas ordes”.