Un Xulgado do Mercantil da Coruña ordena o peche da páxina web roja directa

A sentenza declara que a demandada violou dereitos patrimoniais de propiedade intelectual pertencentes a DTS mediante a comunicación pública das súas emisións e transmisións

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña estimou integramente a demanda promovida pola empresa DTS Distribuidora de Televisión Digital contra Puerto 80 Projects, sociedade xestora da web roja directa.

A sentenza declara que a demandada violou dereitos patrimoniais de propiedade intelectual pertencentes a DTS mediante a comunicación pública das súas emisións e transmisións. Por iso condena a Puerto 80 Projects “ao cesamento da actividade infractora” e na súa virtude acorda o peche da páxina web roja directa “en todos os seus dominios, prohibindo á demandada a continuación de igual actividade sen a obtención da autorización” correspondente. A xuíza conclúe así mesmo que a demandante ten dereito a ser indemnizada “na cantidade que se determine nun procedemento posterior”. A sentenza é recurrible ante a Audiencia Provincial.

En novembro do ano pasado, o Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña xa estimara unha demanda similar presentada por Mediaproducción contra Puerto 80 Projects.