A Audiencia confirma a inhabilitación do alcalde de Cerceda durante oito anos por prevaricar

Confirma integramente a sentenza ditada en xullo de 2019 pola cal o rexedor municipal foi condenado a oito anos de inhabilitación para exercer calquera cargo público como autor dun delito de prevaricación administrativa

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou o recurso de apelación interposto polo alcalde e o arquitecto técnico do Concello de Cerceda contra a resolución do Xulgado do Penal nº2 da Coruña que os condenou por irregularidades na contratación das obras do xardín botánico.

O tribunal, xa que logo, confirma integramente a sentenza ditada en xullo de 2019 pola cal o rexedor municipal foi condenado a oito anos de inhabilitación para exercer calquera cargo público como autor dun delito de prevaricación administrativa. O arquitecto, pola súa banda, foi castigado como cooperador necesario con catro anos de inhabilitación, ademáis de con nove meses de suspensión do cargo por cometer un delito de falsidade. Contra a resolución da Audiencia Provincial da Coruña non cabe a presentación de recurso ordinario.

O tribunal destaca que o xuíz de primeira instancia fundamentou a súa sentenza “na valoración das probas practicadas no xuízo, con todas as garantías de inmediación, contradición e oralidade”, ao tempo que advirte que os apelantes pretenden “substituír o criterio xudicial, obxectivo e imparcial, polo seu propio, lexítimo, pero subxectivo e interesado na idea da absolución”.

“Non se demostrou que a tramitación do expediente mereza sanción penal, pero de aí a elevalo á categoría do correcto, media un treito que a proba non avala”, subliñan os maxistrados na sentenza, na que indican que a obra “empezou polo menos o 31 de marzo de 2015 por unha contratación verbal, sen que o expediente administrativo alcanzase a fase de adxudicación”. Por iso, conclúen que é “delito de prevaricación”.

Os xuíces salientan que é “inimaxinable” que a empresa realizase eses traballos “pola súa conta e risco, sen encomenda directa do alcalde e sen a cooperación directa do arquitecto municipal”. O exame das fotografías achegadas polo denunciante, segundo a Audiencia, “leva a apreciacións en liña coas da instancia: as obras de autos non se corresponden cunha drenaxe menor xunto a un camiño”. Así, os xuíces sosteñen que son “amplos movementos circulares de terras, a un nivel superficial, o que se cohonesta coa natureza do que se pretendía construír: dúas lagoas superficiais”.