O TSXG rebaixa a 12 anos de prisión a condena a un exmilitar que degolou a un home en Ordes ao non apreciar aleivosía

A Sala considera acreditada a autoría do investigado e destruída, por tanto, a presunción de inocencia. Así, destaca que a sentenza está motivada e razoada neste aspecto

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rebaixou de 15 a 12 anos de prisión a condena imposta a un exmilitar que asasinou a un veciño de Ordes (A Coruña) co que previamente mantivera unha discusión de madrugada no campo da feira da localidade. Tras a disputa, segundo considerou probado o Tribunal do Xurado, sobre as catro da mañá do 17 de xullo de 2016, o acusado apuñalou á vítima no pescozo cando camiñaba pola rúa Compostela en dirección ao seu domicilio. A Sala considera acreditada a autoría do investigado e destruída, por tanto, a presunción de inocencia. Así, destaca que a sentenza está motivada e razoada neste aspecto.

Non obstante, rexeita que se probou que o ataque fose por sorpresa e que a vítima careceu de posibilidade de defensa, é dicir, a existencia da agravante de aleivosía, indispensable para a condena por asasinato que lle impuxo a Audiencia Provincial da Coruña. “A Sala comparte neste extremo o criterio da recorrente, pois ningunha proba existe sobre a apreciación desta circunstancia”, indica o TSXG na sentenza na que condena ao acusado a 12 anos de cárcere como autor dun delito de homicidio. Contra o fallo cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

O alto tribunal galego sinala no fallo que no xuízo probouse “a rivalidade e diferenzas que mantiñan o acusado e o falecido por competir na zona na actividade de trapicheo de droga”, así como que “minutos antes” dos feitos tiveron unha pelexa, tras a cal a vítima marchou para a súa casa e chamou por teléfono para pedir a presenza dunha patrulla policial. A continuación, sempre segundo o relato da sentenza, foi degolada polo acusado, que fora militar, “polo que tiña formación específica no tipo de arma utilizada, como se acredita pola certeira e letal puñalada”.

No cadáver só apareceu o perfil xenético do sospeitoso, cuxo vehículo foi detectado á hora e no lugar do suceso. Ademais, o TSXG, ao igual que na resolución de primeira instancia, descarta o “ánimo de roubo”, xa que o falecido non foi despoxado das súas pertenzas, só do seu teléfono móbil, que foi localizado “nunha vía de escape compatible coa ruta de volta do acusado a súa casa”. Poucos días despois dos feitos, o condenado e a súa familia trasladáronse a Madrid e, despois, el viaxou Colombia.