O TSXG autoriza á Xunta prorrogar a esixencia do certificado COVID-19 en habitacións compartidas dos albergues turísticos ao 100 % de capacidade

A Sala considera xustificada a medida debido á situación epidemiolóxica actual de Galicia

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta prorrogar, ata as 00.00 horas do día 18 de decembro, a esixencia do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa ás persoas maiores de 12 anos que fagan noite en habitacións compartidas dos albergues turísticos que amplíen a súa capacidade ata un 100 %. O tribunal considera que se mantén “o xuízo de idoneidade, necesidade e proporcionalidade da medida”, pois advirte que “continuamos nunha situación epidemiolóxica -empeorada- que determina un risco de transmisión do virus apreciable ata o punto de facerse necesaria a regulación de determinadas actividades para que o seu exercicio sexa compatible coa contención da súa expansión”. 

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG indica no auto que a Xunta achegou, xunto coa solicitude de autorización, un documento no que ofrece datos sobre a evolución da COVID-19 en Galicia. Nel, informa de que a comunidade presenta unha taxa de incidencia do virus a sete e a 14 días superior á de hai unha semana, así como da tendencia á alza da porcentaxe de positividade das probas diagnósticas e dun incremento dos ingresos en unidades de coidados críticos. A Sala salienta no auto que considera xustificada a medida debido á situación epidemiolóxica actual da comunidade. Contra a resolución cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.