O TSXG declara o dereito da Mesa pola Normalización Lingüística a concentrarse polo topónimo da Toxa durante o “Foro La Toja”

A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo acolleu o recurso interposto pola asociación contra a resolución do pasado 23 de setembro da Subdelegación do Goberno en Pontevedra na que prohibía a realización da manifestación, a cal declarou nula

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou o dereito da Mesa pola Normalización Lingüística a realizar mañá unha concentración, con inicio ás 19 horas e duración aproximada dunha hora, na Toxa co obxectivo de denunciar a modificación do topónimo legal da illa na convocatoria do denominado “Foro La Toja 2022”. Deste xeito, acolleu o recurso interposto pola asociación contra a resolución do pasado 23 de setembro da Subdelegación do Goberno en Pontevedra na que prohibía a realización da manifestación, a cal declarou nula. 

A sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG subliñou na sentenza que, segundo a doutrina do Tribunal Constitucional, toda actuación limitativa do dereito de reunión ha de estar presidida polo principio de favor libertatis, segundo o cal “soamente razóns convincentes e imperativas poden xustificar as restricións a esa liberdade”. 

Os maxistrados concluíron que a modificación de itinerario proposta pola Policía Local do Grove no seu informe, aceptada pola Mesa pola Normalización Lingüística, permite “o efectivo exercicio do dereito fundamental de reunión” no paseo do mar, á altura do estacionamento de autobuses. 

Na sentenza, o tribunal indica que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra expón na súa resolución que o fundamento da decisión adoptada son os informes emitidos pola Comandancia da Garda Civil de Pontevedra e a Policía Local do Grove. Con todo, destaca que a Policía Local do Grove emitiu posteriormente un informe no que alude á posibilidade dun lugar alternativo para a concentración, o que leva os maxistrados a deducir “que a posibilidade de modificación do lugar da celebración era factible, é dicir, existía unha posibilidade alternativa para acoller o lugar da celebración”. De feito, a Policía Local alude a que a zona recomendada puidese ser dentro da propia illa da Toxa, no paseo do mar, comezando á altura do aparcamento de autobuses, “lugar suficientemente amplo e coa necesaria seguridade”. 

“O devandito informe non foi coñecido pola asociación actora ata o momento en que en vía xudicial se lles deu traslado ás partes para os efectos de formular alegacións”, recalca a Sala e asemade destaca que desde o primeiro momento en que A Mesa pola Normalización Lingüística tivo a oportunidade de propoñer/aceptar o itinerario alternativo proposto pola Policía Local do Grove no informe o fixo. Iso, segundo indica na resolución, permítelle “pensar que sempre foi intención da asociación recorrente aceptar unha posible modificación alternativa ás circunstancias de lugar proposto e ás demais”. Alén diso, os maxistrados sinalan que esa disposición tamén se evidenciou cando modificou a hora de convocatoria fixada no escrito de comunicación inicial, primeiro requirimento por parte da Administración.