O xulgado de garda de Carballo multa dous homes por desobediencia grave ao incumprir o confinamento

Recoñeceu acudir ao cuartel da Garda Civil de Carballo en varias ocasións os días 27 e 28 de marzo para esixir a devolución dun can que non era da súa propiedade

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 3 de Carballo, en funcións de garda, condenou hoxe ao pago dunha multa de 360 euros, como autor dun delito de desobediencia grave a axentes da autoridade, un home que incumpriu o estado de alarma decretado como consecuencia da crise sanitaria do Covid-19.

O sospeitoso, que se mostrou conforme coa pena, do mesmo xeito que a Fiscalía, recoñeceu acudir ao cuartel da Garda Civil de Carballo en varias ocasións os días 27 e 28 de marzo para esixir a devolución dun can que non era da súa propiedade. O día 28 os axentes advertíronlle, do mesmo xeito que o día anterior, que debía de abandonar o lugar porque outra vez incumpría o estado de alarma, pero fixo caso omiso, polo que foi detido e posto a disposición xudicial.

O Xulgado de Instrución número 3 de Carballo tamén condenou esta semana ao pago dunha multa de 480 euros outro home que cometeu un delito de desobediencia grave a axentes da autoridade. O pasado 24 de marzo sobre as nove da mañá atopábase apoiado nunha parede do Centro Comercial Bergantiños fumando un cigarro na vía pública, a pesar de que xa fora advertido o día anterior por axentes da Garda Civil de que debía permanecer no seu domicilio.

Ao reincidir, o acusado foi identificado polos funcionarios, os cales o sancionaron administrativamente e o cominaron a volver á súa casa. O sospeitoso, con todo, negouse repetidamente, polo que foi arrestado e posto a disposición do xulgado de garda. O veciño de Carballo mostrouse conforme coa condena imposta, polo que non recorrerá a sentenza.