A Audiencia decreta o arquivo da causa contra os dous altos cargos do Sergas investigados pola morte de pacientes de hepatites C

Os xuíces, do mesmo xeito que o instrutor, consideran inexistente a relación de causalidade entre os falecementos dos doentes e os actos imputables aos investigados, pois sosteñen que “non se aprecia indiciariamente a omisión dun deber de coidado”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou os recursos de apelación presentados pola Fiscalía e a Asociación de Afectados pola Hepatite C fronte ao auto de novembro de 2019 no que o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela decretou o sobresemento provisional da causa e arquivo das actuacións respecto ao director de Asistencia Sanitaria e á subdirectora de Farmacia do Servizo Galego de Saúde (Sergas) no momento dos feitos, os cales foron investigados como presuntos responsables de delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación por, presuntamente, non facilitar o tratamento a pacientes de hepatites C.

Os xuíces, do mesmo xeito que o instrutor, consideran inexistente a relación de causalidade entre os falecementos dos doentes e os actos imputables aos investigados, pois sosteñen que “non se aprecia indiciariamente a omisión dun deber de coidado”. Así, indican que carecen de indicios de que a eliminación da demora na autorización do fármaco tivese algún efecto nos doentes.

“Debe reiterarse que desde que o médico que trata ao paciente decide solicitar o fármaco ata que lle é administrado ao enfermo hai un longo camiño no que a actuación dos investigados se cingue ao tramo entre a recepción da solicitude na subdirección xeral de farmacia e a aprobación do ditame da subcomisión”, indica o tribunal, á vez que salienta que aos investigados non se lles pode responsabilizar “das situacións previas ou posteriores a tal entrada”.

A Audiencia indica que a priorización dos pacientes e as restricións sobre as solicitudes do medicamento se produciron “desde a perspectiva de que era próxima a cristalización das xestións sobre o financiamento e inclusión do fármaco na oferta do sistema de saúde”. Por iso, entende que “non era unha denegación, senón unha posposición da solicitude e eventual autorización ata que concluíse o programa para o cal se estableceu a prioridade, con criterios técnicos, dun determinado grupo de doentes”. Os xuíces, polo tanto, conclúen que “non cabe estimar como constitutivo de prevaricación que a tramitación das solicitudes tivese como referencia esas pautas progresivamente máis amplas, reiterándose que en todo caso estariamos ante unha posposición na tramitación e non ante unha denegación da autorización do tratamento”.