A Audiencia de Lugo condena a catro anos de cárcere a un home que estafou a unha muller á que coñeceu por internet

Conseguiu que unha muller á que coñeceu a través dunha páxina de contactos de internet lle entregase 127.000 euros

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a catro anos de cárcere como autor dun delito continuado de estafa coa concorrencia da atenuante de dilacións indebidas a un home que conseguiu que unha muller á que coñeceu a través dunha páxina de contactos de internet lle entregase 127.000 euros. O tribunal considera acreditado que o sospeitoso estableceu coa vítima “unha relación de amizade e confianza” da que se aproveitou “a propósito da difícil situación anímica que atravesaba a afectada, pois en datas recentes perdera á súa nai nun accidente e á súa parella sentimental por unha grave enfermidade”.

O condenado, segundo a sentenza, fíxose pasar por enxeñeiro de telecomunicacións e exhibiu “un pretendido coñecemento respecto a poxas e operacións bolsistas”. Así, convenceu á afectada para que investise a indemnización que ía recibir pola morte da súa nai na adquisición de vivendas que sairían en poxas xudiciais. O tribunal considera probado que a “persuadiu” para que lle entregase diversas cantidades de cartos que supostamente ía investir en comprar vivendas.

“O acusado non levou a cabo ningunha xestión para a adquisición de ningún inmoble nin concorreu a ningunha poxa, apropiándose das cantidades entregadas”, salientan os maxistrados. Os xuíces destacan que ao día seguinte da última entrega de cartos, simulou padecer unha grave enfermidade da que se debía operar en Estados Unidos.

“A sala estima que existe un engano planeado polo acusado para gañarse a confianza da vítima e poder dispoñer das cantidades de cartos, que, ao ver a facilidade na obtención das mesmas, as incrementou ata observar as dificultades económicas que xa evidenciaba na última entrega, o que o levou a finxir unha enfermidade case terminal que relatou con todo xénero de detalles, mesmo fotográficos por wasap, o que evidencia unha vez máis a falta de escrúpulos á hora de atormentar á súa vítima a fin de evitar reclamacións”, indican os xuíces na sentenza.