Un Xulgado do Mercantil da Coruña admite a trámite unha demanda colectiva da Fiscalía contra Orange por prácticas abusivas na facturación

Segundo consta na demanda, a empresa de telefonía “emite reiteradamente facturas contra os consumidores e usuarios nas que lles reclama a cota correspondente ao período completo da facturación previamente determinado (xeralmente mensual) a pesar de que o servizo prestado aos clientes finalizase antes de que se complete ese período”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil nº 2 da Coruña admitiu a trámite a demanda colectiva de cesación en defensa dos consumidores e usuarios presentada pola Fiscalía Provincial da Coruña contra a entidade Orange Espagne S.A. por prácticas abusivas na facturación a clientes que se dan de baixa en dicha operadora. A vista de medidas cautelares celebrarase o próximo 17 de xullo, mentres que o xuízo do procedemento principal terá lugar o 26 de setembro.

Segundo consta na demanda, a empresa de telefonía “emite reiteradamente facturas contra os consumidores e usuarios nas que lles reclama a cota correspondente ao período completo da facturación previamente determinado (xeralmente mensual) a pesar de que o servizo prestado aos clientes finalizase antes de que se complete ese período”.

A xuízo da Fiscalía, isto supón que a empresa require aos consumidores para que abonen un servizo que non prestou, “en lugar de reducir proporcionalmente a cota para axustala ao período realmente consumido ata a data en que se extingue o contrato”.

Como consecuencia, os consumidores pagan dobremente, posto que a nova compañía contratada emite unha factura parcialmente coincidente no tempo co período cobrado de forma indebida por Orange.

O Ministerio Público foi informado desta conduta no transcurso dunha das reunións periódicas que mantén con representantes de asociacións e organismos encargados da defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios. A partir dese momento iniciouse unha investigación que, tras confirmar a suposta práctica abusiva, finalizou coa presentación da demanda.

Da investigación levada a cabo conclúese ademais que a operadora de telefonía admitiu en múltiples ocasións que a factura se emitira incorrectamente e anulouna como consecuencia das numerosas reclamacións tramitadas a través da Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello da Coruña. Igualmente, comprobouse que o Instituto Galego de Consumo tramitara múltiples reclamacións contra a demandada por facturar o período completo con independencia do momento en que se deixaba de prestar o servizo.

En todos os expedientes que se remitiron á Fiscalía as reclamacións resolvéronse mediante laudos arbitrais que deron a razón aos consumidores por considerar que se vulneraron os seus dereitos. Con todo, os laudos non causaron efecto disuasorio algún e a empresa persistiu nesta prática, según o ministerio Público, a pesar de recoñecer a súa ilegalidade.