O número de desaloxamentos practicados en Galicia descende un 3,4 % no segundo trimestre do ano

As execucións hipotecarias iniciadas baixan de novo, cunha diminución interanual do 31,5 %, ao pasar de 445 no segundo trimestre de 2015 a 305 neste ano

Autor
Comunicación Poder Judicial

O número de desaloxamentos practicados en Galicia no segundo trimestre do ano experimentou un descenso do 3,4 % con respecto ao mesmo período do ano pasado, ao pasar de 714 a 690. Destes, 238 producíronse como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria (fronte aos 230 de 2015) e 421 como consecuencia de procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos (fronte aos 453 de 2015). Os desaloxamentos enmarcados no apartado de “outras causas” situáronse en ambos os períodos en 31. O descenso no número de desaloxamentos efectuados sitúase por encima da media estatal, onde se rexistrou unha baixada do 1,9 %.

O número de execucións hipotecarias iniciadas entre o 1 de abril e o 30 de xuño tamén descendeu con respecto ao ano pasado. Neste período presentáronse 305, fronte ás 445 de 2015, o que supón un descenso interanual do 31,5 %, fronte ao 17,4 % de media estatal, segundo se desprende do informe “Efectos da crise económica nos órganos xudiciais” que hoxe fixo público a Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Aumenta, con todo, o número de concursos presentados nos xulgados galegos, rompendo deste xeito unha tendencia iniciada en 2013 (un 9,4 % interanual). Fronte aos 85 que se rexistraron no segundo semestre de 2015 pasouse a 93. Neste capítulo, debe terse en conta que, en virtude do cambio introducido pola modificación da Lei orgánica do poder xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015, a competencia para os concursos das persoas naturais non-empresarios pasou a corresponder aos xulgados de primeira instancia e instrución. Xa que logo, para o cálculo da evolución interanual dos concursos tívose en conta a suma dos concursos presentados nestes órganos xudiciais —6 no segundo trimestre de 2016— e os 87 presentados nos xulgados do mercantil.

Con respecto aos expedientes do artigo 64 da Lei concursal, relativo á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE), en Galicia rexistráronse no primeiro trimestre do ano 9, fronte aos 17 do mesmo período do ano pasado, o que supón un descenso do 50 %.

As 1374 demandas por despedimento presentadas nos xulgados do social entre o 1 de abril e o 30 de xuño pasados supoñen un descenso interanual do 9,7 %, fronte ao 2,1 % de baixada na media estatal.

O informe sinala así mesmo que continúa o descenso dos procedementos monitorios presentados no segundo trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia presentáronse 8037 neste período, fronte aos 9050 do ano pasado, o que supón un descenso interanual de 11,2 %.

Consulte os datos estatísticos correspondentes ao segundo trimestre de 2016 e as series completas desde 2007 na seguinte ligazón:

http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Informes-estadisticos-periodicos