O TSXG permite que máis xuíces e xuízas traballen de forma presencial nos órganos xudiciais galegos

Quenes decidan optar por esta modalidade de traballo deben cumprir as indicacións que se recollen na Guía de boas prácticas do CXPX aprobada o 29 de abril

Autor
Comunicación Poder Judicial

A evolución da crise sanitaria provocada polo COVID-19 provocou que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deixe sen efecto o sistema de quendas presencial aprobado o 15 de marzo e que se permita a todos os xuíces e xuízas que así o desexen a posibilidade de traballar de forma presencial. Neste sentido, cabe destacar que non se trata de ningunha obriga e quen decida seguir teletraballando, como se fixo desde o inicio do confinamento, pode facelo, sempre que cumpra coas esixencias de presencialidade derivadas dos servizos esenciais.

A Sala de Goberno facultou aos xuíces/zas decanos/as, aos presidentes das Audiencias Provinciais e ao presidente/a das salas do TSXG para organizar o proceso de incorporación en réxime presencial dos xuíces/zas e maxistrados/as. Quen opte por traballar de forma presencial deben cumprir as indicacións e prevencións sanitarias que se recollen na Guía de boas prácticas para a reactivación da actividade xudicial e adopción de medidas de saúde profesional para a prevención de contaxios en sedes xudiciais, aprobada polo Consello Xeral do Poder Xudicial o 29 de abril. Estas normas deberán observarse tamén en todos os actos procesuais. Ademais, as deliberacións nos órganos colexiados faranse, sempre que sexa posible, de modo telemático, e a firma das resolucións farase a través do portasinaturas.

A partir de hoxe, e mentres se manteña o estado de alarma, tramitaranse e resolveranse de forma preferente os seguintes asuntos:

-Os procedementos nos supostos de servizos esenciais.

-A impugnación dos ERTEs a que se refire o artigo 23 da Real Decreto-Lei 7/2020, do 17 de marzo, que se tramitará conforme á modalidade procesual de conflito colectivo.

-O procedemento especial e sumario en materia de familia regulado nos artigos 3-5 da Real Decreto Lei 16/2020, do 28 de abril (que se manterá con este carácter preferente ata tres meses despois da finalización do estado de alarma).

-Os incidentes concursais e demais actuacións previstas no artigo 14 da Real Decreto Lei 16/2020, do 28 de abril (que se manterá con este carácter preferente ata que transcorra un ano desde a declaración do estado de alarma).

Durante este período temporal, segundo resolveu a Sala de Goberno do Tribunal Superior, tramitaranse e resolveranse os demais procedementos na medida que non o impida a suspensión dos prazos procesuais.