O TSXG confirma a condena de 26 anos e medio de cárcere a un home que asasinou á súa muller en Cabana de Bergantiños

O alto tribunal galego rexeitou o recurso contra o fallo interposto polo sospeitoso e avalou a concorrencia das agravantes de xénero e de parentesco

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de 26 anos e medio de cárcere que a Audiencia Provincial da Coruña, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, lle impuxo ao home que asasinou á súa muller en Cabana de Bergantiños. O alto tribunal galego rexeitou o recurso contra o fallo interposto polo sospeitoso e avalou a concorrencia das agravantes de xénero e de parentesco.

Os maxistrados destacan que o recorrente pretende “a substitución” dos feitos considerados probados polo xurado polo seu propio relato, “sen chegar a cuestionar as probas e a súa valoración, senón ofrecendo outras e dándolles un sentido diferente”. O TSXG rexeita, como solicitaba o sospeitoso, que se tivesen en conta as atenuantes de arrebato ou obcecación, embriaguez e reparación do dano. Os xuíces consideran “sorprendente” que a defensa pretenda que se exclúa o ánimo de matar porque a vítima e o agresor entraron xuntos na casa. Así, salientan que o condenado realizou “tres disparos por detrás”, que impactaron na cabeza, no pulmón e no ril, é dicir, “con dirección a espazos vitais”.

Respecto á agravante de xénero, os maxistrados destacan que dos feitos probados na sentenza se induce que o acusado “asumiu esa situación de desigualdade” respecto á súa muller, tal e como demostra “a situación de malos tratos psicolóxicos continuada e os desprezos” aos que a sometía. O tribunal recalca que, tal e como consta no fallo da Audiencia, o condenado matou á súa muller “para evitar que refixese a súa vida”. A frase, segundo os xuíces, “describe perfectamente ese sentimento de superioridade, de dominación, de poder, ata de sentimento de dominio asimilado a unha sorte de propiedade aniquiladora da personalidade da vítima, ata o punto de cernarlle calquera ápice de liberdade no desenvolvemento da propia vida”.